A Deputación licita a musealización do Mosteiro de Caaveiro por máis de 340.000 euros

As empresas interesadas teñen ata o 24 de novembro para presentar as súas ofertas para executar estes traballos.

A Deputación saca a concurso público as obras de musealización do Mosteiro de Caaveiro, no Concello da Capela. O investimento previsto ascende a 342.975,21 euros e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de novembro do presente ano.

Os traballos consistirán principalmente en intervencións museográficas para acondicionar o convento nun espazo que permita unha mellor contextualización do edificio, ofrecendo á persoa visitante unha experiencia de aprendizaxe cultural sobre a Idade Media en Galicia, un dos momento de maior pulo do mosteiro.

A instalación de pasamáns nas escaleiras para garantir a seguridade das persoas usuarias, así como facilitar a mobilidade daquelas con maior dificultade, será unha das intervencións a desenvolver. O proxecto tamén contempla a instalación dun novo peche de control de acceso ao mosteiro, co fin de diferenciar a canle de entrada e de saída.

Na mesma liña, modificaranse os cadros eléctricos e instalarase unha nova iluminación que permita visualizar os novos elementos do museo. Finalmente, construiranse tabiques museográficos coa finalidade de tematizar o sotoandar da Casa dos Cóengos. O prazo de execución das obras será de seis meses desde a súa adxudicación.

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, sinala que a actuación supón “un antes e un despois para o patrimonio na provincia da Coruña, ademais de representar o compromiso da Deputación coa conservación e mellora dos nosos monumentos históricos”. O deputado remata engadindo que “a musealización do Mosteiro de Caaveiro implicará unha importante mellora do turismo e un servizo de calidade, á altura dos galegos e das galegas”.

Lea también

O BNG denuncia que a Xunta é un goberno autómata sen solucións para os grandes problemas sociais

O BNG presentou este xoves aos medios a súa valoración dos orzamentos da Xunta de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *