O Campus Industrial de Ferrol acolle unha xornada sobre a enerxía eólica mariña

A xornada está organizada polo departamento de Enxeñaría Eólica do Grupo Sener no marco do Proxecto Europeo MarineWind, unha iniciativa impulsada pola Agenzia per la Promozione della Ricerca Europe (APRE) e a University of York en colaboración con outras seis institucións e organismos de España, Italia, Grecia, Portugal, Bélxica e de Reino Unido.

O alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, serán os encargados de inaugurar este mércores 13 de marzo, ás 10:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, esta xornada “Eólica Mariña en Galicia” . 

O marco legal e o contexto da eólica mariña será fío condutor da primeira mesa redonda da xornada na que participarán a responsable do Departamento de Desenvolvemento de Negocio do Grupo Sener, Raquel Juan, o xefe do Departamento de Desenvolvemento Portuario e Xestión de Dominio Público da Autoridade Portuaria de Ferrol, Javier Gómez, e o secretario xeral e responsable de Relacións Orgánicas e Institucionais de Comisións Obreiras de Industrial de Galicia, Víctor Ledo.

A segunda mesa centrarase no rol da academia, a industria e os centros tecnolóxicos. Nela intervirán a coordinadora da Área de Formación do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR) e secretaria do Consorcio que promove o Pacto de Capacidades no sector das Enerxías Renovables Mariñas, Lucía Fraga, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e integrante do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Laura Castro, o director da división de Enerxía do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Santiago Rodríguez, e a técnico de Innovación da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), María Campos.

A visión e o coñecemento medioambiental sobre a eólica mariña centrará a terceira mesa redonda da xornada. Participarán o científico do Instituto de Investigacións Mariñas do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Miguel Gil, o responsable comercial da Delegación de Galicia de Tecnoambiente, Guillermo Bouza, e o catedrático da Universidade da Coruña e profesor na Facultade de Ciencias, Javier Cremades.

Fot. arch.

A cuarta e última das mesas redondas afondará no impacto que a enerxía eólica mariña ten sobre os diferentes sectores e, especialmente, no da pesca e no do turismo. Intervirán o director de Innovación e Proxectos da Federación Nacional de Confradías de Pescadores (CNCP), Fabián Ben, o xerente do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Oriol Sarmiento, e a directora de Desenvolvemento de Negocios en Bluefloat para o Parque Nordés, Helena Brage.

Xa pola tarde, a partires das 16:00 horas, está previsto que os máis de 40 participantes na xornada “Eólica Mariña en Galicia” visiten as instalacións de Navantia en Ferrol e en Fene. Para asistir como público cómpre ter invitación, pode xestionarse enviando un correo electrónico a offshorewind@sener.es

Lea también

El Baxi Ferrol cierra su clasificación para la siguiente ronda de la Eurocup al vencer al KP Tany Brno

Adán Puentes (X: @adanpuentes | IG: @adanpuentes89) El sueño del Baxi Ferrol en la Eurocup …