Considera “imprescindible e urxente” incrementar o Fondo Galego de Cooperación Local e advirte que moitos municipios atravesan situacións económicas complicadas mentres “prestan cada vez máis servizos que son competencia autónomica”. O Orzamento da Deputación da Coruña crece ata os 256,5 millóns de euros en 2026 e reforza o apoio aos concellos, gasto social, emprego e loita contra o depoboamento. A consignación inicial co Plan Único acada os 88 millóns e o Plan de Emprego Local supera os 16,3 millóns.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia as liñas xerais do Orzamento Provincial 2026, que ascende a 256.550.000 euros, o que supón un incremento do 6,67% respecto ao exercicio actual e será o máis alto da historia da institución.
Formoso destacou que, por décimo ano consecutivo, a Deputación manterá a débeda cero e conservará conxeladas as taxas e prezos públicos. “Somos unha administración moderna, eficaz e solvente, que destina cada euro a mellorar a vida das persoas e a apoiar aos concellos, sobre todo aos máis pequenos”, afirmou.
Apoio aos concellos e falta de financiamento autonómico
O presidente provincial insistiu na necesidade de mellorar o financiamento local en Galicia, lembrando que a Xunta “mantén conxelado un ano máis o Fondo Galego de Cooperación Local en 118,3 millóns para os 313 concellos galegos, dos que só 42 millóns chegan á provincia da Coruña”. “Solicitamos á Xunta de Galicia un incremento no Fondo Galego de Cooperación Local; é imprescindible e urxente, nunha contía racional, razoable e asumible”, afirmou.
Criticou tamén que a Deputación “non reciba nin un euro deste fondo” mentres segue asumindo servizos de competencia autonómica como os centros educativos e de atención a menores, cun custo anual de maís de 20 millóns de euros.
Formoso detallou que a Deputación sostén actualmente dous institutos de educación secundaria e FP (IES Rosalía Mera e IES Puga Ramón) e dous centros de atención a menores en Ferrol e A Coruña, ademais doutros servizos educativos e culturais como o Conservatorio de Danza.
Subliñou, neste sentido, que se abre unha nova etapa de colaboración coa Xunta de Galicia, xa que ambas administracións teñen en marcha un grupo de traballo para a transferencia dos institutos Rosalía Mera e Puga Ramón, coa previsión de que o traspaso poda ser efectivo no curso 2026-2027.
“Recoñezo e agradezo a disposición ao diálogo do presidente da Xunta e das consellerías implicadas. Estamos a avanzar cara un acordo que faga realidade a transferencia e permita que a Deputación poida destinar eses recursos a reforzar o apoio aos concellos da provincia, que é a misión principal da Deputación”, explicou Formoso.
Estrutura do Orzamento 2026
Os orzamentos provinciais destinan a maior parte dos recursos a apoiar aos concellos e á cidadanía. En total, o 24% do orzamento, equivalente a 63,3 millóns de euros, dedicarase á cooperación cos concellos; o 13,8%, 35,5 millóns, ao gasto social e igualdade; o 12,1%, 31,1 millóns, a melloras na rede provincial de estradas, e o 11%, 29,6 millóns, ao emprego e aos sectores produtivos. As áreas de educación, mocidade e deportes recibirán o 8,3% do total, con 21,2 millóns de euros, mentres que cultura e lingua disporán do 5,5%, 14,1 millóns, e medio ambiente e emerxencias contarán co 3,2%, 10,1 millóns de euros.
O gasto en persoal representa o 24% do total e inclúe previsións para o incremento retributivo do funcionariado.
O Plan Único, motor do investimento local
O Plan Único de Concellos (POS+ 2026) consolídase como o principal programa de cooperación municipal de Galicia, cun investimento incial de 88 millóns de euros en 2026, un 2,36% máis que este ano. O plan inclúe unha liña específica POS Social, que medra un 14,29% ata os 8 millóns, destinados ao reforzo dos servizos sociais municipais.
Desde 2017, o POS+ permitiu investir máis de 812 millóns de euros en 4.643 obras en toda a provincia. Só en 2025 acadou un récord histórico de 138 millóns, multiplicando por cinco as achegas dos mandatos anteriores. “O Plan Único é o mellor exemplo de cooperación e autonomía local”, subliñou Formoso.
Aposta polo emprego e os sectores produtivos
O Plan de Emprego Local (PEL) contará en 2026 cun orzamento incial de 16,37 millóns de euros. Formoso lembrou que se trata do maior plan de emprego impulsado por unha administración local en Galicia. Desde 2016 leva investidos 166 millóns, beneficiado a 3.282 empresas e creado 8.131 empregos directos.
O PEL incorpora tamén para o vindeiro ano liñas específicas para autónomos, pemes e emprendemento innovador, co obxectivo de consolidar o tecido empresarial e a actividade económica no rural.
Compromiso social e novo modelo de atención ás persoas maiores
O gasto social medra un 6,7% en 2026 ata os 32,86 millóns de euros, impulsado pola mellora do Servizo de Axuda no Fogar (cun custo/hora de 14 € e 395.804 horas previstas en 2026) e o programa de envellecemento activo, que se amplía a 517.000 euros.
Entre as actuacións máis destacadas no ámbito social figura a posat en marcha do novo modelo de atención á terceira idade a través das Casas de Acompañamento aos Maiores (CAM), pequenas residencias de 5ª xeración que combinarán proximidade, atención personalizada, tecnoloxía avanzada e integración comunitaria.
A primeira, nas Pontes de García Rodríguez, conta cunha partida inicial de 5,7 millóns de euros e iniciarase en 2026. As seguintes estarán en Rianxo e Ordes.
“Queremos ofrecer coidados de calidade sen desarraigar ás persoas maiores do seu entorno, cun modelo máis humano e próximo”, explicou o presidente.
Innovación, dixitalización e aposta audiovisual
A Deputación destinará máis de 4 millóns de euros á dixitalización e ciberseguridade, continuando o Proxecto Concello Dixital, que moderniza a administración local e aforra 20 millóns anuais ás arcas públicas. Tamén se dota a Oficina de Transición Enerxética (OTE), con 850.000 euros, para apoiar aos concellos na implantación de modelos enexéticos sostibles.
Formoso destacou ademais que o vindeiro ano será o da posta en marcha de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual de España, situado na Cidade das TIC, da Coruña cun investimento superior a 9 millóns e cofinanciado polo Goberno de España. “O CEI é unha aposta estratéxica polo talento e a innovación da industria audiovisual galega, que sitúa á Coruña no mapa audiovisual europeo”, afirmou.
Cultura, igualdade e medio ambiente
A área de Cultura e Lingua medra un 7%, con especial apoio á Rede Cultural (2,1 M€) e aos festivais de música, cinema e artes escénicas.
En igualdade, increméntanse un 6,96% os fondos, incorporando novas liñas de memoria democrática e dereitos civís, incluíndo escavación de fosas comúns de vítimas da guerra civil e apoio ás entidades memorialistas.
A provincia da Coruña, motor económico, social e cultural de Galicia
Formoso concluíu salientando que a Deputación “segue a ser a administración máis próxima, a que máis inviste nos concellos e a que garante a cohesión territorial e social”. “Con este orzamento damos un paso máis para que a provincia da Coruña siga sendo o motor económico, social e cultural de Galicia”, finalizou.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


