O Centro Manuela Pérez Sequeiros, Narón, acolle unha charla sobre servizos financieiros e bancarios

O Centro municipal de Maiores Manuela Pérez Sequeiros acolle este mes e o vindeiro un total de catro charlas impulsadas a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

A edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, indicou que a primeira das convocatorias terá lugar o vindeiro martes 12 de marzo, ás 17:00 horas e abordará o tema de servizos financieiros e bancarios, contas de pago básicas, tarxetas

A edil naronesa explicou que a asistencia a estas convocatorias é libre, ata completar a capacidade da sala. Nesta primeira sesión “daranse nocións sobre os diferentes medios de pago, falarase dos créditos ao consumo, das tarxetas revolving, dos riscos de sobreendebedamento así como das comisións bancarias, dos diferentes tipos de contas e das principais problemáticas que se dan en relación cos servizos financieiros que pode contratar a cidadanía, informando dos seus dereitos e das ferramentas existentes para reclamalos”, tal e como indicaron dende a organización da mesma.

A seguinte convocatoria, sobre dereitos básicos das persoas consumidoras, no que se explicarán procedementos como as reclamacións, entre outros, será o 26 deste mes. Así mesmo, tal e como se apuntou, o 2 de abril haberá unha nova sesión, sobre servizos no fogar, luz, gas… e o día 9 será a última, sobre consumo responsable e decisións de compra: prezos, etiquetado… En todos estes casos as charlas tamén se desenvolverán dende as 17:00 ata as 18:00 horas.

O Concello de Narón colabora nesta iniciativa, impulsada a través da Xunta de Galicia no marco da campaña informativa Infoconsumo, que ten entre os seus obxectivos, como indicaron, “achegar aos veciños información e asesoramento en materia de consumo naqueles temas considerados de maior interese”.

A celebración das sesións programadas en Narón este mes coincide coa semana na que se conmemora o Día dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias. Dende as administracións tanto autonómica como local realízase un chamamento á cidadanía para que acuda a estas convocatorias, agardando que sexan do seu interese.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …