Narón avanza na implantación do contenedor marrón de residuos orgánicos

O Concello de Narón continúa esta semana avanzando nas tarefas de implantación do contenedor marrón, para a recollida selectiva de materia orgánica doméstica. A cidade dá así un paso máis de cara á reciclaxe de residuos, en cumprimento da normativa europea na materia.

O concelleiro de Servizos, Manuel Ramos, avanzou que as persoas que desexen facer uso destes colectores deben inscribirse previamente a través dun código QR que se poderá escanear das redes sociais do Concello ou do formulario:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSf8mEIf1eWInT4EmbXdfUJZkcYZZYH440Cr3Pu_XAyrsoatlw/viewform?pli=1.

As primeiras 500 persoas recibirán un kit de benvida, no que a maiores da tarxeta para facer uso dos mesmos se entregará un cubo de uso doméstico de dez litros de capacidade e varias bolsas compostables e no de grandes produtores e hostaleiros un lote de bolsas de 120 litros de capacidade.

Nas sucesivas campañas que se levarán a cabo na cidade tamén se entregarán dípticos informativos que conteñen o código QR para poder acceder ao formulario e completalo. O vindeiro luns comezarán a estar operativos os novos contenedores marróns, colocados esta semana nos barrios de Xuvia, O Alto, Freixeiro, A Gándara e A Solaina. O edil naronés apuntou que se ubicaron “nas zonas de maior densidade de poboación e mesmo de locais de hostalería e zonas comerciais”, co fin de que poidan contar co maior número de usuarios posibles.

Dende o pasado luns ata o vindeiro venres instalaranse un total de medio cento de contenedores de cor marrón. “Ti tes a chave” é o lema da campaña municipal para a recollida de materia orgánica, un innovador proxecto de reciclaxe que suporá un gran avance para a mellora da xestión dos residuos no concello e para transformalos en fertilizantes.

Restos de froita e verdura, de carne e peixe, cunchas de marisco ou froitos secos, restos de pan, café, papel de cociña, tapóns de cortiza… son algúns dos residuos que se poden depositar neste novo colector. Os restos alí depositados levaranse á planta de transferencia de Río do Pozo para, posteriormente trasladalos á de Cerceda, onde se convertirán en compost que se poderá utilizar como fertilizante natural.

“É todo un beneficio para o medio ambiente, diminuíndo as emisións de dióxido de carbono á atmósfera e tamén a contaminación, polo que pedimos á cidadanía a máxima colaboración, agradecéndoa de antemán”, recalcou Ramos.

Para obter máis información sobre a campaña pódese chamar ao número de teléfono 981 397 007.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …