O concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey, presentou este mércores 6 a XX Bandeira Masculina e IV Bandeira Feminina de Bateis Cidade de Ferrol, que percorrerá o paseo de A Cabana o sábado 9 de marzo a partir das 15:00 horas.
A cita deportiva está organizada polo Club de Remo A Cabana-Ferrol en colaboración co Concello de Ferrol.
Aldrey destacou que ambas probas, enmarcadas na Liga Galega de Bateis, reunirá arredor de 300 deportistas nas categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, sub 23 e absoluta en ambas bandeiras. A entrega de bandeiras e medallas terá lugar ao remate da proba, nas instalacións Náutico-Deportivas do Club de Remo A Cabana-Ferrol.
O concelleiro de Deportes amosou a súa satisfacción por que o Club de Remo A Cabana-Ferrol exerza como anfitrión nestas dúas bandeiras do máis alto nivel no ámbito galego. O edil de Deportes augurou unha vibrante competición e invitou á cidadanía a achegarse a A Cabana para contemplar a proba.
Na presentación, o concelleiro estivo acompañado por Eloy Romero e Javier López, ambos directivos do club organizador. Este último agradeceu ao Concello e aos colaboradores a axuda prestada para celebrar a proba deportiva.
López destacou que a regata faise “nun sitio inmellorable” ao tempo que amosou a súa confianza en que “a bandeira quede en casa, pero haberá que pelexala”, lembrando que o Club de Remo A Cabana-Ferrol xa ganou esta competición ata en cinco ocasións.
A celebración da proba quedará supeditada ás condicións meteorolóxicas que se den o sábado.