Regresa a As Pontes a Universidade Sénior

O Concello de As Pontes acolle, durante os meses de marzo e abril, a sexta edición do programa de democratización do coñecemento para persoas maiores de 50 anos da Universidade da Sénior da Universidade da Coruña.

A acción formativa que se levará a cabo este ano ten como obxectivo prioritario revalorizar o patrimonio cultural, social e ambiental da zona, concienciar á sociedade sobre a presenza da ciencia no día a día, e recoñecer o valor das disciplinas artísticas a través do coñecemento e as vivencias.

Tania Pardo, responsable de Benestar Social do Concello das Pontes apunta que “con este programa, ambas entidades, tratamos, un ano máis de achegarnos ás persoas maiores de 50 anos da vila, promover o envellecemento activo dando resposta as súas inquedanzas e necesidades formativas como vimos facendo de forma conxunta desde o ano 2018.”

As materias que se impartirán a través de diferentes seminarios pertencen a tres grandes áreas temáticas: Arte e Sociedade, Ciencias e Tecnoloxía e Saúde e Benestar e  serán impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, no salón de actos do IES Plurilingüe Castro da Uz os mércores e o os xoves,  de 17:00 a 19:00 horas. Cada seminario inclúe tres sesións teóricas e unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese da contorna

No módulo dedicado á arte e humanidades achegaranse á conservación do patrimonio industrial da man da profesora Iria Caamaño Franco, achegaranse ao mundo do dereito sucesorio coa profesora Manuela del Pilar Santos Pita e farán un percorrido pola moda a través da historia coa profesora Elvira Lezcano González.

A través do módulo dedicado á ciencia e a tecnoloxía afondarán no mundo da orientación a través das estrelas coa profesora Alsira Salgado Don, coñecerán a evolución da xestión dos residuos no eido doméstico da man da profesora Miriam Timiraos Díaz mentres que o profesor Álvaro Michelena Grandío achegará ás persoas participantes ao mundo da sustentabilidade e eficiencia enerxética.

Finalmente no terceiro módulo do programa, dedicado ás ciencias da saúde, da man da profesora Fátima Santaballa Borreiros acehgaranse aos coidados do pé, coa profesora Raquel Veiga Seijo reflexionarán sobre o edadismo e coa profesor Rosa Meijide Faílde abordarán os efectos das augas termais na saúde.

A inscrición, que é gratuíta, poderá realizarse de xeito on-line a través do espazo web UDC Sénior As Pontes https://universidadesenior.org/as-pontes/ ou presencialmente a través da Secretaría de Alcaldía do Concello das Pontes, ata o 3 de marzo.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …