A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, presentou xunto con Bruno Casal, seleccionador nacional da Selección Española de Carniceiros e Rosendo Anidos, directivo do Centro de Recursos Solidarios, un evento que se celebrará, con carácter solidario, o vindeiro 30 de marzo na cidade de Narón.
A edil naronesa avanzou que a proposta consistirá nunha exhibición de pezas de carne, un showcooking da Selección Española de Carniceiros, unha comida solidaria e un baile.
As persoas interesadas en acudir poderán adquirir dende mañá as entradas, a un prezo de 22 euros para adultos e un menú infantil de 10 euros, para degustar diferentes elaboracións feitas con carnes variadas.
O pavillón polideportivo da Solaina acollerá esta cita, que representa, tal e como indicaron dende a organización, unha oportunidade para recaudar fondos destinados ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.
O Concello colabora nesta iniciativa, organizada pola Selección Española de Carniceiros, Cedecarne e no que tamén colaboran a Carnicería Bruno e Ternera Gallega, entre outras entidades. Bruno Casal explicou que se trata “dun evento pioneiro en España” e avanzou que se habilitará un expositor de oito metros, no que se amosarán unha gran variedade de pezas de carne.
A maiores, no showcooking participarán recoñecidos profesionais do sector chegados a Narón de diferentes puntos de España e incluso de México, que elaborarán a comida que se servirá para a ocasión, con carne de porco, tenreira, cordeiro, polo…
Dende este sábado 10 e ata o 23 de marzo, poderán mercarse as entradas nas cervexerías Nueva Orleáns, El Mercado e Excelsior, no local social da Gándara, na Carnicería Bruno, no Bar Chis, no Café bar Marinito e no local social da AVV San Mateo. Amenizará a xornada a orquestra Panamá.
Pola súa banda, Rosendo Anidos agradeceu a iniciativa “pola axuda que representa para o Centro de Recursos Solidarios de Narón”. Finalmente, a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, destacou a importancia de organizar “este tipo de eventos cun fin solidario tan necesario, como é axudar ao Centro de Recursos Solidarios, que atende a decenas de familias de Narón e incluso doutros concellos en situación de vulnerabilidade”.
A edil naronesa agradeceu “a gran implicación de todas as persoas que se sumaron a esta proposta para facela posible” e animou ós veciños de Narón e doutros concellos a acudir a este evento.