O río Eume, nas “Pelerinaxes” de Otero Pedrayo, e as camelias de Teo

José Fonte Sardiña

Camiñar en boa compañía resulta para min un verdadeiro pracer e Teo, o concello onde vivo desde que casei con Ana hai máis de trinta anos ―o 4 de febreiro cumprimos corenta de noivos―, é un excelente lugar para facelo, coa presenza protectora do Pico Sacro, que se pode ver desde as súas trece parroquias. Os días laborables, despois de estar sedentes boa parte da longa xornada, cando a choiva ten compaixón de nós, gústanos realizar ―aínda que sexa coa luz artificial, porque xa a noitiña caeu a esas horas nos meses de inverno e en moitas semanas do outono e a primavera― camiñadas de hora e media, sen afastarnos demasiado da nosa casa dos Tilos. Porén, as andainas algo máis duradeiras dos sábados e domingos, coa claridade do día, son moito mellores e indispensables durante todo o ano no noso lecer; neste tempo de inverno, as camelias do camiño supoñen sempre unha alegría para a vista (Camelia nunha das nosas andainas por Teo).

Camelia en Teo

Así e todo, a pasada fin de semana tornei á miña vila de Pontedeume, á que sempre levo no corazón. O día solleiro e a boa temperatura animáronnos a camiñar polas vizosas Fragas do Eume e volvemos gozar de novo do seu verdor cinguido ―malia a caída da folla das vellas árbores do bosque atlántico mellor conservado de Europa―, da beleza, a paz e o misterio do antigo cenobio de San Xoán de Caaveiro e do murmurio do río que, desde o seu nacemento na Serra do Xistral, vén cantando as súas lendas, quer alegre e rebuldeiro, quer rumoroso; unhas veces silandeiro e un aquel preguiceiro, formando relanzos, e outras con paso rápido e firme, pintando lenzos de escuma, ata
fundirse amoroso co mar no seu esteiro, entre Cabanas e Pontedeume (Foto do río Eume de Ángel Cendón).

Moitos foron os escritores que se referiron ao noso río nos seus textos. Pomponio Mela, na súa “Chorographia”, ―redactada no século I, contra o ano corenta, cando os romanos entraron polo golfo Ártabro, conquistaron estas terras e deixaron nelas o xermolo do que hoxe é o noso tesouro máis prezado, a lingua galega, labrada polo pobo ao longo dos séculos, como fixo o Eume co seu milenario canón―, falaba xa dun río chamado Anaris que se correspondería co Eume actual e cuxo topónimo evolucionado nomea a ría de Ares onde desemboca e se funde coas augas salgadas (Isidoro Millán González-Pardo: “Toponimia del Concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz”, A Coruña, 1987, p. 25 e 26) (Abrazo entre o Eume e a ría de Ares).

Abrazo entre o Eume e a Ría de Ares

Un dos máis grandes poetas dos Séculos de Ouro da literatura española, frei Luís de León, cantoulle, contra 1572, ao noso río nunha das liras da súa oda ‘Virtud, hija del cielo’: “Dichosos los que baña / el Miño, los que el mar monstruoso cierra, / desde la fiel montaña / hasta el fin de la tierra, / los que desprecia de Eume la alta sierra” (Padre Felix García (ed.): “Fray Luis de León. Poesías”, Obras completas, t. II, Madrid, 1991, p. 745), e considerouno un dos emblemáticos espazos naturais daquela Galicia que tiña como rexente da súa Audiencia a don Pedro Portocarrero, a quen lle dedicou o poema.
Por esas datas falou así mesmo do río Eume o licenciado Bartolomé Sagrario de Molina na súa “Descripción del Reino de Galicia”, quen dicía, ademais, que a vila de Pontedeume era o “verxel de Galicia” (José Antonio Parrilla (ed.): “Descripción del  Reino de Galicia por el licenciado Molina”, Santiago de Compostela, 1998, p. 111).

Río Eume

Séculos máis tarde, en 1754, o padre Sarmiento gabou este milagre de beleza en “Viage que yo Fr. Martín Sarmiento, benedictino, hice desde San Martín de Madrid a Galicia y en derechura a Pontevedra, mi patria. Año de 1754” (José Luis Pensado (ed.): “Fr. Martín Sarmiento. Viaje a Galicia (1745)”, Salamanca, 1975, p. 65 e 66). Murguía foi tamén ilustre visitante da vila e admirador do seu río e a ponte, aos que describe con paixón na súa monumental obra “Galicia”, publicada en castelán por primeira vez en 1888 e merecedora dunha boa edición traducida á nosa lingua que está por chegar (Manuel Murguía: “Galicia”, Santiago de Compostela, 1985, t. II, p. 1176-1181) (Desembocadura do Eume na tardiña).

Desembocadura do Eume na tardiña

Álvaro Cunqueiro, o padre Placer, Ramiro Fonte, Eva Veiga ―en todos os seus poemas o murmurio do Eume, dalgún xeito, sempre está presente―, Carlos G. Reigosa, Ramón Loureiro, César Antonio Molina, entre outros moitos grandes autores, cantaron tamén, en galego, en prosa ou en verso, as marabillas do noso río e as súas fragas.

Río Eume

Así e todo, hoxe quero destacar unha descrición do Eume que me impresionou, realizada por Otero Pedrayo. No ano 1927, entre o 4 e o 11 de xullo, peregrinou desde a cidade de Ourense a Santo André de Teixido, onde vai de morto o que non foi de vivo, consonte reza a crenza popular, cos seus amigos Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, e fixo un marabilloso relato odepórico desta viaxe no seu libro “Pelerinaxes”, publicado na Coruña, en 1929, no que recolleu as súas experiencias e sensacións (Santo André de Teixido).

Santo André de Teixido

Naquel percorrido, que se pode ver no sinxelo debuxo da portada, realizado por Vicente Risco, pasaron a carón do Eume, do que Otero Pedrayo deixou escrito que era “un río de loita, de combate, esgrevio serranchín, que labra os cernes duros do granito. Boa diferenza c’os ríos desfiados, superfizás, tranquíos das mesetas lucenses» (Debuxo de Risco na portada de “Pelerinaxes” e foto do río Eume en loita cara ao mar).

Eiquí o río sinte a responsabilidá histórica ―xeoloxía histórica― da súa funzón erosiva. Podía folgar un pouco na conca ditosa. Non ten vagar. Cada fío criado nos outos e batido nas fervenzas figura gardar un ritmo de carreira. O Eume non espella a outra ponte, a vella, tan ben posta a carón das casas antergas e dos grandes arbres […]. O Eume, fillo de cumes desertas, inda ten moito que puxar. Así morre tan gostoso baixo a bendizón que lle botan os arcos das Pontes d’Eume […] (Solpor no esteiro do Eume e mosteiro de Caaveiro, o corazón das Fragas).

O Eume ollou a colonizazón monástica ―Caabeiro―; agora, ô igual d’un río suizo ―foron tamén feudales e monásticos―, proporciona o romanticismo necesario pr’o burgués en vacazós” (Ramón Otero Pedrayo: “Pelerinaxes”, primeira edición A Coruña, 1929; citado pola de Sada, 1993, p. 175-177).

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …