Aberta en Narón a inscrición nas accións socioeducativas “Encontros de mulleres”

 
As mulleres empadroadas en Narón maiores de 50 anos que estean soas e que precisen apoio psicosocial e aumentar a súa rede social poden xa inscribirse nas accións socioeducativas para mulleres “Encontros de mulleres”.
 
Así o indicou a concelleira de Benestar Social e Igualdade, María Lorenzo, que informou que o prazo para anotarse rematará o día 31 deste mes ás 13:30 horas.
 
A actividade diríxese, tal e como indicou a edil, a un total de 36 persoas, que se repartirán en tres quendas, unha que se reunirá os martes de 10:00 a 12:00, outra o mesmo día pero pola tarde, de 16:30 a 18:30 e a terceira o mércores de 16:30 a 18:30 horas.
 
As convocatorias desenvolveranse en centros cívicos sociais ou nun centro comunitario da cidade e as actividades serán consensuadas nos primeiros días. “Unha vez que teñamos ás mulleres que participarán inscritas levaremos a cabo unhas dinámicas para ver que temas lles interesan e centrar a temática das sesións neses temas”, apuntou María Lorenzo.
 
A maiores das actividades que se impartirán entre febreiro e xuño deste ano nos locais cada semana tamén se programarán outras de carácter puntual abertas ao público en xeral, co fin de dar a coñecer entre a cidadanía o programa “Encontro de mulleres”.
 
Os temas que se tratarán, entre outros, son: Habilidades sociais e relacións interpersoais, a soidade, xestión emocional, autoestima, autocoñecemento e autocoidado emocional, perspectiva de xénero e empoderamento e redes sociais de apoio. “Trátase de que as mulleres que participen dispoñan dun tempo no que socializar entre elas, desafogarse nun espazo seguro e tamén poder compartir experiencias e ferramentas que lles sexan de utilidade en cada caso para o seu autocoidado”, recalcou a concelleira.
 
As solicitudes poden presentarse a través da Sede Electrónica, no Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
 
Para máis información tamén se pode contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109)

Lea también

A Asociación Cultural Vai Rañala Meu! organiza un obradoiro de toque de pandeireta

A Xornada terá lugar este domingo 13 no Centro Cívico Social de Sedes e será …