O Boletín Oficial da Provincia da Coruña vén de publicar a convocatoria para o concurso de comparsas participantes no pasarrúas e na gala de Entroido 2024 do Concello de Ferrol, polo que as agrupacións interesadas poden formalizar a súa inscrición desde este xoves 25 ata o día 3 de febreiro, incluído.
Ambos eventos festivos celebraranse o luns 12 de febreiro, e neles poderán participar ata 15 comparsas, formadas cada unha por un mínimo de 16 integrantes. Tamén poderán participar no pasarrúas un máximo de seis grupos que estarán integrados por, polo menos, oito persoas, así como parellas (ata seis parellas) e persoas de xeito individual (ata seis persoas).
O criterio de admisión será a orde de entrada da solicitude de participación no Rexistro Xeral, se ben terán preferencia os participantes que teñan o seu domicilio en Ferrol.
Os premios aos que optan as comparsas participantes serán de 700 euros para o primeiro posto, 690 euros para o segundo e 680 para o terceiro. Aquelas comparsas que non acaden ningún destes premios recibirán 670 euros. No que respecta ao resto de participantes, os grupos precibirán 250 euros, as parellas 60 euros e as persoas que participen de xeito individual, 40 euros.
Con respecto ás actuacións, estas non poderán exceder os sete minutos de duración e as letras serán en galego.
O xurado, presente no lugar onde se desenvolva a gala, terá en conta a orixinalidade, a complexidade e dificultade na elaboración dos traxes ou a vistosidade dos mesmos tanto en movemento como parado, entre outros.