As agrupacións que desexen participar no Festival de comparsas de Entroido que se celebrará en Narón o vindeiro 10 de febreiro poderán anotarse dende o 29 ata o 31 deste mes no Pazo da Cultura, en horario de 9:00 a 14:00. Así se anunciou onte no transcurso da xuntanza convocada polo Padroado da Cultura co fin de organizar este evento, limitado á participación dun máximo de dez comparsas, sete de Narón e tres doutros concellos.
O desfile, que comezará ás 17:00 horas, realizarase dende o pavillón da Mocidade, na Gándara, ata a pista polideportiva da Solaina, onde se desenvolverá o festival baixo unha carpa instalada para a ocasión.
O Padroado da Cultura asignará unha axuda económica ás comparsas participantes, que será de 800 euros para as de Narón (co 75 % como mínimo dos seus compoñentes que residan na cidade); 400 para as doutras localidades e tamén 400 euros para as convidadas. Nas normas de participación da convocatoria especifícase, entre outros asuntos, que todas as comparsas de Narón deberán realizar unha actuación na súa parroquia e outra en calquera outra do termo municipal, con percorrido no caso de ser posible.
Cada comparsa debe estar formada por un mínimo de quince persoas, na súa maioría con máis de 14 anos, e disporá dun tempo máximo de dez minutos para actuar, con cancións cuxas temáticas se centren na crítica de todo o que nos trouxo o ano 2023.
A orixinalidade dos disfraces, o enxeño da crítica feita na actuación, a calidade musical e o que cada actuación supoña de recuperación do Entroido en Galicia serán as cuestións que valorará o xurado á hora de conceder os tres primeiros premios, que consistirán nunha figura conmemorativa do Día do Entroido. Cinco persoas de relevancia do mundo asociativo, da comunicación, da cultura tradicional e unha persoa do Padroado da Cultura serán as encargadas de valorar ás comparsas participantes.
Así mesmo, tamén se convocará de novo un concurso de disfraces aberto á participación da cidadanía en xeral e no que se repartirán varios premios. Haberá categorías de infantil e adultos, que poderán presentarse a nivel individual, por parellas, ou en grupos dun máximo de seis persoas. Para participar haberá que anotarse previamente, o propio 10 de febreiro pola tarde, na carpa na que se desenvolverá o festival de comparsas, na Solaina.