A Xunta de Goberno Local do Concello de As Pontes aprobou, esta semana, o proxecto de construción dunha bancada cuberta para o campo de herba artificial “Evaristo Puentes”, situado no Poboado das Veigas.
O proxecto, cun orzamento de 97.913 euros, con cargo a fondos municipais, permitirá, en palabras do rexedor local, Valentín González Formoso, “dar resposta á demanda dos clubs deportivos da vila que empregan esta instalación, así como dos espectadores que, cada fin de semana, se achegan atao campo “Evaristo Puentes” para gozar de diferentes competicións deportivas. Agora o público poderá ver os partidos sen sufrir as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas, dunha forma cómoda e axeitada”
Durante unha visita ao campo de herba artificial, González Formoso, acompañado pola concelleira de Deportes, Elena López, indicou que esta actuación “busca poñer en valor unha instalación que é empregada de xeito habitual por preto de 500 deportistas da vila entre os que se atopan case 300 nenos do Club Deportivo As Pontes, os diferentes equipos que integran a liga local de fútbol de veteranos e o club de Rugby Fendetestas con preto de 90 deportistas federados en diferentes categorías”
A bancada situarase no lateral noroeste do campo, centrada na metade do mesmo e ocupando o espazo libre existente entre o campo e o peche vexetal que separa as instalacións deportivas da Ronda do Poboado.
A superficie construída da cuberta da bancada será de 142,50 m2 e a bancada disporá de 7 pórticos metálicos con protección con galvanizado en quente, que ocuparán 30 metros de lonxitude e 4,75 metros de ancho, albergando a 168 persoas en asentos sen respaldo fabricados en PVC.
Ademais a bancada cubrirá tamén os dous metros de ancho de beirarrúa existente que separará a bancada do campo de xogo, ofrecendo maior protección aos espectadores que acudan ao campo a gozar das competición deportivas así como aos diferentes clubs que fan uso desta instalación.