A edil de Promoción Económica do Concello de Narón, Olga Ameneiro, indicou que se trata dunha proposta encamiñada “a contribuír á ornamentación navideña da cidade, neste caso concreto dos establecementos de comercio e hostalería da localidade, aos que tamén convidamos a participar nun concurso coa opción de gañar un premio”.
As bases do concurso, poden consultarse ao completo na web: www.comerciodenaron.com, e contemplan que os participantes deben decorar o exterior do local con motivos de Nadal e manter esa decoración ata, como mínimo, o día 31 deste mes. Para poder participar é preciso inscribirse previamente, dende hoxe, a través da citada web –no apartado de concurso-, cumplimentando a inscrición e enviando como mínimo tres imaxes amosando os detalles desa decoración exterior.
A concelleira de Promoción Económica indicou que se estableceron dúas categorías de premios: unha á mellor decoración exterior de comercios, e outra á mellor decoración exterior de hostalería. Nos dous casos, a persoa gañadora obterá unha estancia dunha noite nun aloxamento rural para dúas persoas, propoñéndose un ubicado nas inmediacións de Parada de Sil e outro en Pantón.
Un xurado designado polo Concello de Narón encargarase de valorar as decoracións presentadas, cun máximo de 40 puntos, que se concederán en función da orixinalidade, o deseño, a iluminación e o impacto visual, tal e como figura nas bases da convocatoria.
Olga Ameneiro animou aos propietarios dos establecementos comerciais e hostaleiros da cidade a participar nesta iniciativa “na que tamén queremos recoñecer o seu traballo e esforzo nestes días por ambientar a nosa cidade, na que dispoñemos dun sector comercial e hostaleiro moi variado, con produtos de gran calidade e cunha atención persoalizada”.