Posta en marcha en As Pontes dun programa de prevención de drogodependencia

A asociación local Adiante, coa colaboración do Concello de As Pontes, puxo en marcha un programa de prevención da drogodependencia, entre a rapazada, a través da educación emocional.

Tania Pardo, concelleira de Benestar Social, na presentación do obradoiro no IES Castro da UZ, sinalou que “son moitas as investigacións que asocian o consumo de drogas cunha menor competencia nas relacións sociais e a través destes obradoiros búscase traballar as competencias conductuais, sociais, cognitivas e emocionais co obxectivo de que a rapazada poida mostrarse máis competente para establecer vínculos prosociais e facer fronte ás presións do ambiente favorables ao desenvolvemento de condutas de risco para a saúde”.

Nese sentido, a concelleira remarcou que “o campo das adicións é un campo cambiante e dinámico, suxeito á evolución da sociedade, á introdución de novas substancias e ao cambio de patróns e hábitos de consumo, é preciso procurar novas formas de previr os consumos abusivos e problemáticos para tentar aumentar a efectividade das accións preventivas e ese é o obxectivo deste programa”

Así, os obradoiros, desenvolvidos por Adiante, buscan promover no alumnado de secundaria da vila un coñecemento sobre a propia persoa e fomentar a adquisición de habilidades e valores protectores, conectando coas diferentes relacións e contextos nos que se desenvolve por medio de sesións nas aulas e sesións individuais.

Durante as sesións nas aulas, o persoal de Adiante observará o funcionamento dos grupos para avaliar as posibles condutas de risco por medio da avaliación de habilidades e competencias sociais e emocionais tales como a escoita activa, a cooperación, a empatía, a expresión emocional ou a toma de decisións.

Nas sesións individuais, que se realizarán fóra do grupo, co alumno e a súa familia, ofrecerase apoio ás persoas participantes en aspectos relacionados co malestar emocional, as condutas disruptivas na aula ou posibles condutas de risco.

En ambos caso, as sesións serán participativas e activas buscando a aprendizaxe emocional e funcional, a partir da experiencia, dos coñecementos, intereses e necesidades persoais e sociais do alumando participante empregando a música, a expresión corporal, a dramatización, dinámicas de cooperación, técnicas de relaxación ou visionado de vídeos.

Lea también

Clausura en Ares dos obradoiros de Rural TIC

Despois de dúas semanas de actividade, unha centrada en ofertar formacións á veciñanza e a …