As Pontes acollerá o vindeiro domingo 2 de novembro de 2025, o tradicional Concurso de Fungos e Cogomelos, organizado, por primeira vez, pola Asociación Micolóxica Poupariña e Cohempo, coa colaboración do Concello das Pontes. Este certame celébrase co desexo de fomentar a afección pola micoloxía e contribuír á difusión e coñecemento das especies micolóxicas do territorio.
A inscrición e presentación das cestas realizarase o mesmo día do concurso, entre as 09.00 e as 10.30 horas, na carpa instalada na Praza de América.
Para participar será necesario presentar exemplares dun mínimo de 10 especies distintas de cogomelos silvestres, excluíndo as especies protexidas. Establécense tres categorías de participación: categoría absoluta, para persoas maiores de 18 anos; categoría xuvenil, para persoas con idade mínima de 18 anos e máxima de 25 anos e categoría promesa, para persoas con idade máxima de 18 anos e deberán inscribirse coa conformidade dun pai, nai ou titor/a.
As idades acreditaranse mediante a presentación do DNI. Cada persoa só poderá participar cunha única cesta e nunha única categoría, non sendo posible inscribirse nin participar en máis dunha.
Os premios establecidos para esta edición do Concurso de Fungos e Cogomelos son os seguintes; na categoría absoluta, destinada ás persoas maiores de 18 anos, o primeiro premio estará dotado con 350 euros, o segundo con 200 euros, o terceiro con 150 euros, o cuarto con 100 euros e o quinto con 75 euros.
Na categoría xuvenil, para participantes de entre 18 e 25 anos, o primeiro premio será de 150 euros, o segundo de 75 euros e o terceiro de 30 euros Concederase tamén un premio especial, dotado con 350 euros e un premio promesa, consistente nun vale de 150 euros para trocar no comercio local, destinado a participantes menores de 18 anos.
O xurado estará formado por persoas expertas na materia, que valorarán a clasificación, o estado de conservación e a variedade das especies presentadas. Ademais, no premio especial atenderase á creatividade e orixinalidade na presentación, así como á presenza de exemplares pouco comúns.
O Concello de As Pontes, Cohempo e a Asociación Micolóxica Poupariña anima a toda a cidadanía a participar neste certame, que combina tradición, coñecemento e divulgación científica, contribuíndo á posta en valor do patrimonio natural e da riqueza micolóxica da comarca. Este concurso, que xa se converteu nunha cita destacada do outono pontés, pretende seguir fortalecendo o interese pola natureza e pola biodiversidade local, promovendo á vez a convivencia e o respecto polo medio ambiente.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
