A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, recibiu no Concello xunto co edil de Deportes, Ibán Santalla, ó naronés Iago Fuertes, campión do mundo coa selección española de pádel de menores.
Fuertes, do club de pádel San Mateo, desprazouse recentemente á cidade de Asunción, en Paraguay, para participar neste evento deportivo, sobre o que conversou coa rexedora local e o edil naronés
“Aún sigo en Paraguay”, recoñecía onte o naronés, que desfruta do éxito acadado mentres se prepara para acudir, a vindeira fin de semana, ó campionato galego de maiores absoluto, que se disputará en Vigo.
Fuertes participou tamén no Open infantil, quedando subcampión co seu compañeiro habitual, Hugo Estebanez. Unha indisposición deste último fixo que a parella non puidese disputar a final sub-14.
Campión de Galicia cinco ocasións en diferentes categorías; campión de España por equipos, Campión Máster nacional; subcampión de Europa sub-12 e campión do Grand Slam de Cataluña o pasado ano… formaban xa parte do seu palmarés, ao que hai tan só uns días se sumou o primero posto no campionato do máster nacional celebrado en Bembibre, tamén co seu compañeiro Estévez, imbatibles nos cinco partidos que disputaron.
O naronés comezou a adestrar ao pádel con cinco anos e competiu inicialmente en Galicia, posicionándose a día de hoxe na élite deste deporte.
Iago Fuertes, de 13 anos, agradeceu o recoñecemento que lle brindou o Concello o pasado mes de novembro na Gala do Deporte de Narón e tamén a recepción oficial no Consistorio, á que acudiu acompañado dos seus pais. O naronés conversou con Ferreiro e Santalla sobre a súa traxectoria e plans de futuro, vencellados ao mundo do pádel.
A rexedora local felicitou ao deportista naronés polo seu recente título, recoñecendo que “é un orgullo que un rapaz de Narón teña unha traxectoria como a de Iago Fuertes, que destaca no mundo do pádel e na que acumula importantes galardóns aos que suma agora nada menos que un campionato do mundo”.
Ferreiro desexoulle novos éxitos na súa carreira deportiva e destacou o feito de que coa súa idade “sexa xa todo un referente no mundo do deporte en xeral e do pádel en particular”.
A alcaldesa entregoulle un agasallo institucional en recoñecemento á súa traxectoria. “É un pracer recibirte hoxe no Concello como campión do mundo e un orgullo para o deporte, o pádel neste caso, e como non para anosa cidade, que por suposto é a túa”, subliñou Ferreiro.