A Deputación trae a Coruña o mellor ciclismo internacional coa 1ª etapa de O Gran Camiño´24

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, e o concelleiro de Deportes da cidade da Coruña, Manuel José Vázquez, participaron na presentación da terceira edición de O Gran Camiño xunto co organizador da carreira, Ezequiel Mosquera, e o exciclista profesional, Gonzalo Rabuñal, na Torre de Hércules.

A Torre herculina, Patrimonio Mundial da Unesco, contará cun protagonismo especial, acollendo etapa inaugural da edición do ano 2024, que será unha contrarreloxo individual de 15 quilómetros coa que arrincará a carreira o 22 de febreiro de 2024.

O presidente destacou “a Torre de Hércules como gran escenario desta gran volta, que seguro marabillará tanto a ciclistas como a espectadores nesta edición, como xa fixo o ano pasado a Praza do Obradoiro”.

O dirixente apuntou que “O Gran Camiño é, en certo modo, a Volta Ciclista a Galicia que nunca debeu desaparecer” e subliñou “o gran escaparate que supón para Galicia, e en particular para a provincia da Coruña, unha proba ciclista destas dimensións, pola que xa pasaron grandes estrelas a nivel mundial como o dobre gañador do Tour de Francia, Jonas Vingegaard, ou unha das iconas do ciclismo español, como é Alejandro Valverde”.

Formoso destacou “a gran cantidade de xente que trae a Galicia unha proba destas características, que mobiliza preto de 1.000 persoas entre equipos, corredores, auxiliares e medios de comunicación, e que proxecto a imaxe da Coruña a nivel internacional e repercute de xeito notable na economía de toda Galicia, especialmente no sector servizos”.

Pola súa banda o organidador da carreira, Ezequiel Mosquera, quixo destacar a colaboración da Deputación para poder levar a cabo este evento, que xa sitúa a Galicia no mapa mundial do ciclismo.

Segundo indicou Mosquera “nesta nova edición contaremos aínda con máis estrelas mundiais, traendo á cidade da Coruña a Champions League do ciclismo”.

A terceira edición de O Gran Camiño arrincará o 22 de febreiro desde a cidade da Coruña cunha contrarreloxo de 15 quilómetros, e contará con outras tres etapas nas provincias de Ourense, Pontevedra e Lugo.

Para a celebración da proba xa está confirmada a presencia de dous equipos da elite mundial, como son o Groupama Fdj e o Jumbo Visma Road, que conta nas súas filas con corredores de renome como o propio Jonas Vingegaard, Wout Van Aert ou Sepp Kuss.

O ano pasado contou coa presencia de 126 corredores de 25 nacionalidades diferentes, e equipos de renome no panorama internacional como Movistar, Astana, Cofidis ou o Eolo Kometa, e outros equipos de gran tradición en España como Euskaltel Euskadi, Burgos BH ou Caja Rural, que son un gran escaparate no ciclismo español.

Gran escaparate a nivel turístico internacional

A celebración desta proba supón un gran impulso turístico a nivel internacional, coa posta en valor de distintas localizacións de interese. As catro provincias galegas contan con escenarios de privilexio para a práctica deste deporte, que fomentan tanto a chegada de seguidores que veñen ás nosas terras para ver a carreira, como futuras visitas que se xeran a través da televisión e das redes sociais.

Na edición anterior a proba foi vista por case dous millóns de espectadores entre as canles de Eurosport e a TVG, aumentando considerablemente o número de visualizacións do ano anterior. Os países con maior índice de audiencia son, España, Dinamarca, Portugal e Francia.  Así mesmo, o número total de impactos en redes sociais foi de case 9 millóns.

Estes números dan boa mostra do gran interese que xerou esta proba ciclista no panorama nacional e internacional, que co paso das edicións ve incrementada a súa expectación.

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …