O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro José Antonio Rodríguez mantiveron este luns unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para seguir avanzando cara á comprometida construción do novo Centro de Saúde da localidade. Tal como explicou Moreda, está xa en marcha a modificación puntual do PXOM para facer posible a posta a disposición da Consellería de máis superficie e acometer así unha edificación que supere os 2.000 metros cadrados inicialmente requiridos.
A reunión deu continuidade ao último contacto entre Concello e Consellería, o pasado 4 de maio, cando os técnicos de Sanidade expresaron a conveniencia de ampliar a cesión de solo para o mellor desenvolvemento do proxecto. O goberno local puxo en marcha os trámites e, de feito, enviou xa o pasado 17 de novembro a documentación para a avaliación ambiental da modificación puntual do PXOM. Con ela ampliarase a parcela dotacional ata os 3.665 metros cadrados. Deles, serán edificables 2.643,62 metros cadrados por planta e poden facerse catro: soto, semisoto, baixo e primeiro piso.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, felicitou ao goberno local de Cedeira pola celeridade coa que ten resolto esta nova demanda da súa administración, igual que sucedeu antes, cando as limitacións impostas pola ordenación de Costas obrigou a desbotar a inicial idea de ampliar o Centro de Saúde actual. Así, o Concello vai ocuparse agora de facer as expropiacións e os trámites precisos para a posta a disposición dos devanditos terreos, así como do desenvolvemento urbanístico da súa contorna. Na urbanización da zona está incluída a apertura dun novo vial e a creación dun aparcadoiro con 41 prazas.
Moreda Gil invitou a participar neste encontro a Xulio Cribeiro, o voceiro do grupo municipal do PP, quen puido comprobar o beneplácito da Consellería de Sanidade co traballo feito desde o Concello. Destacou o alcalde que igualmente lle ten proposto a Cribeiro a posibilidade de participar noutras xuntanzas de cuestións importantes para o pobo, como a elaboración dos pregos do concurso de limpieza ou a modificación do plan xeral.
Os trámites da modificación puntual do PXOM poden ocupar entre 9 e 12 meses, explicou Moreda, e a intención que expresou a Consellería na reunión foi a de comezar de inmediato a redactar o borrador do convenio de cesión dos terreos para a construción do novo Centro de Saúde.
Na reunión comentáronse tamén de xeito informal as posibilidades que o traslado ao novo edificio abrirá para o actual edificio do Centro de Saúde. Segundo explicou Moreda, falouse de diferentes posibilidades como un centro de día ou unha residencia de maiores, ainda que apuntou que o seu destino será decidido pola veciñanza.