A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética aborda retos e oportunidades do hidróxeno verde desde unha perspectiva galega

A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética organizou o foro O futuro do hidróxeno verde desde a perspectiva galega: Retos e oportunidades, na que se abordaron os retos da transición enerxética cara enerxías limpas para facer fronte aos retos actuais en Galicia, con atención ao hidróxeno verde e o seu futuro.

A benvida da xornada foi a cargo de Beatriz Mato, directora de Desenvolvemento Corporativo e Sostibilidade e conselleira executiva de Greenalia; e Ana Isabel Ares, directora do Campus Industrial de Ferrol da UDC.

Mato destacou que “Galicia pode xogar un papel protagonista no desenvolvemento e implantación de enerxías renovables, que están chamadas a ser parte da solución neste momento de emerxencia climática”.

Pola súa banda, Ares recalcou a importancia da Cátedra Greenalia-UDC como “modelo de colaboración que permite poñer en marcha accións e proxectos de formación e de investigación”. Tamén indicou que a “Universidade ten que estar preto dos retos a nivel social e industrial, polo que a investigación que se realiza na UDC está dirixida a afrontar estes retos”.

A conferencia inaugural foi impartida por Carlos Bravo, experto en clima e enerxía, excoordinador desta área en Greenpeace España durante máis de 20 anos e actualmente consultor ambiental e representante de Transport & Environment, unha federación a nivel europeo de organizacións non gobernamentais dedicadas ao transporte.

Ofreceu a charla A descarbonización debe ser enerxeticamente eficiente, na que sinalou a “alta contribución do transporte, e especialmente o transporte por estrada, nas emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial”.

Bravo afirmou que “a utilización de electrocombustibles no transporte por estrada é ineficiente, xa que necesita moita máis electricidade que no caso dos vehículos de batería; os electrocombustibles deben utilizarse en sectores que son difíciles de descarbonizar, como o transporte aéreo e o marítimo”.

A xornada proseguiu cunha mesa redonda sobre tendencias en investigación en hidróxeno verde, moderada por Fernando de Llano, director da Cátedra Greenalia-UDC, coa participación de Fernando Val, director xeral de EnergyLab; Roberto Campana, director científico da Unidade de Investigación do Centro Nacional del Hidrógeno; Juan Manuel Bermúdez, investigador do CICA da UDC; Adrián Rodríguez, responsable de Desenvolvemento de Negocio do CETIM; e Pablo Carrasco, xestor de proxectos e especialista en enerxía do ITG.

Nesta mesa púxose o acento no hidróxeno como peza clave para alcanzar obxectivos climáticos e de transición nos sectores industriais e de transporte, especialmente no marítimo e aéreo.

Nese sentido, os participantes destacaron a posición estratéxica de Galicia, dado que conta con todos os factores para ser potencia en hidróxeno verde: auga, enerxías renovables e un importante sector agroalimentario. Como retos no eido da I+D+i, “os esforzos deberán ir dirixidos a mellorar a eficiencia en tecnoloxías de electrolizadores, a diminución de costes, o aproveitamento das redes de gas para o transporte de hidróxeno e a escalabilidade, entre outros”.

A continuación, tivo lugar unha mesa sobre o papel das administracións e institucións no desenvolvemento do hidróxeno verde, moderada por Juan Ignacio Rodríguez, director de Enerxía do INEGA. Contou coa presenza Nicolás Vázquez, secretario xeral de Industria da Xunta de Galicia; Juan Diego Pérez, director da Autoridade Portuaria da Coruña; Javier Calviño Gómez, xefe do departamento de Servizos Técnicos e Planificación na Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao; e Javier Díaz, tenente alcalde e concelleiro de Promoción Económica do Concello de Ferrol.

Nesta quenda de debate, unha das principais conclusións foi que a descarbonización non é unha opción senón unha obriga para a conservación do planeta. Neste reto, hai unha oportunidade histórica para o desenvolvemento industrial de Galicia. Actualmente, está sendo un lugar atractivo para os proxectos relacionados co hidróxeno verde, dado o seu potencial en enerxías renovables, as súas infraestruturas, con especial atención ás portuarias, e a existencia dun potente ecosistema de innovación.

Finalmente, celebrouse a terceira mesa sobre a cadea de valor empresarial do hidróxeno verde en Galicia, moderada por Marcos Martínez, secretario da Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2), e coa participación de Raúl Martín, responsable de proxectos de hidróxeno de Greenalia; Julio Hidalgo, director da división de hidróxeno de Univergy Solar; Brais Armiño, socio consultor en AtlantHy; Alberto López, director financeiro de Forestal del Atlántico; e Francisco Méndez, responsable de estratexias industriais de CCOO de Industria de Galicia.

Esta derradeira mesa caracterizouse por varias conclusións, entre as que destacan que, para materializar esta oportunidade e converter Galicia nunha potencia en hidróxeno verde, precísase avanzar nas seguintes cuestións: impulsar a enerxía limpa que abasteza os electrolizadores, un amplo recurso hídrico, unha tecnoloxía en tamaños comerciais, e unha lexislación que incentive e permita a produción á vez que se fomente a demanda.

É, por tanto, necesario dar un último empurrón, de xeito conxunto para que esta oportunidade sexa unha realidade, que terá tamén o seu impacto no emprego, para o que se precisan novos talentos que cubran esa futura demanda.

Sobre a Cátedra

A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética, unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos en Galicia.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …