O Teatro Jofre xa está listo para recibir de novo, dúas décadas despois, a obra As damas de Ferrol de Teatro do Noroeste, desta volta revisada e actualizada baixo a dirección de Clara Gayo. O venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas, as actrices Mónica Camaño e Casilda Alfaro tomarán o escenario con esta traxicomedia escrita por Eduardo Alonso na que a cidade ferrolá ten tamén un papel protagonista.
Este mércores 29, os medios puideron albiscar o humor negro que destila As damas de Ferrol nunha presentación que contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Blanca G. Agulló, responsable da produción executiva do Teatro Jofre, Eduardo Alonso, Clara Gayo e de boa parte do equipo artístico do espectáculo.
En As damas de Ferrol dúas supostas irmás xa maiores, Lourdes e Maruxa, noutrora vinculadas á clase acomodada, viven agora soas e na miseria, vítimas do seu delirio e entre os cascallos dese pasado perdido que choran. A obra desenvólvese como unha comedia circular na que se mesturan a realidade e a fantasía. Absurdos e disputas danse a man nunha peza en clave feminista cunha marcada crítica social.
Nesta posta en escena de Clara Gayo, que confesou que tivo “plena liberdade creativa” no seu labor, hai unha revisión estilística do texto orixinal e mais a introdución de elementos simbólicos e surrealistas a través da escenografía de Carlos Alonso. A trama ideada por Eduardo Alonso hai vinte anos segue a estar vixente e respéctase na montaxe, xa que a historia destas damas de Ferrol pode ser a doutras mulleres en calquera cidade hoxe en día. Como salienta Gayo, “o que mudou, o que evolucionou neste tempo é a mirada do público”.
Mención á parte merece a música composta por Chefa Alonso, que, a ritmo de jazz, atravesa dun xeito orgánico toda a obra. O diálogo por veces caótico, por veces melódico que adoitan establecer os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e para reforzala. O resultado, en palabras da compositora, é “música para un texto desapiadado nun mundo sen esperanza».
As damas de Ferrol está producida por Teatro do Noroeste e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a colaboración do Concello de Ferrol.
O equipo da obra está integrado por Clara Gayo (dirección), Mónica Camaño e Casilda Alfaro (elenco), Eduardo Alonso (texto e deseño de iluminación), Chefa Alonso (música orixinal), Carlos Alonso (escenografía e vestiario) e Eva Alonso (produción). Logo da súa estrea en Ferrol comezará unha xira que xa ten datas confirmadas no Carballiño.
As entradas para asistir á obra seguen á venda na web de Ataquilla con prezos que oscilan entre os 10 e 12 euros máis gastos de xestión.
https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/teatro-jofre/16452–as-damas-de-ferrol.html