A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, recibiron o luns 27 de novembro, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, a unha representación do Comité de Dirección do Centro de Investigación en Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) encabezada polasúa directora científica, Rosa Crujeiras Casais.
Nesta recepción participaron tamén o coordinador do Grupo de Investigación en Xeometría Diferencial e as súas Aplicacións da Universidade da Coruña, Miguel Brozos Vázquez, e a coordinadora do Grupo de Investigación en Enxeñaría Matemática daUniversidade de Santiago de Compostela, María del Pilar Salgado Rodríguez, ambos os dous integrantes do Comité de Dirección do CITMAga.
Tamén quixo sumarse a esta primeira reunión de traballo, o coordinador do Grupo de Investigación de Modelización e Resolución de Modelos, adscrito á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, José Manuel Rodríguez Seijo.
Ao longo da xornada, os integrantes do Comité de Dirección do CITMAga achegáronse ata o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol onde foron recibidos polo seu director científico, Armando Yáñez Casal, e máis pola súa directora técnica, Anne Gosset.
Aproveitaron a súa visita para coñeceren máis polo miúdo a Canle de Ensaios Hidrodinámicos, o Laboratorio de Mecánica de Fluídos, o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser, o Laboratorio de Plásticos e o Laboratorio de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais.
Tamén se trasladaron ata o Edificio de Talleres, adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), para saber máis sobre o traballo que se está a realizar no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica.
Un centro de referencia impulsado polas tres universidades públicas galegas O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) créase mediante un convenio entre as tres universidades públicas da comunidade, a Universidade de Santiago, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña, co obxectivo de integrar as capacidades científicas do eido das matemáticas, compartindo visión e estratexia, e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento.
Coa motivación de fomentar a cultura colaborativa, que busque a excelencia na investigación, a innovación e a formación, o CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia nacional e internacional contribuíndo á creación dunha contorna atractiva para o desenvolvemento científico e profesional neste campo.