A concelleira de Benestar Social do Concello de Narón, María Lorenzo, anunciou a celebración, o vindeiro venres 17, dunha nova actividade do programa municipal Cóidate.
A proposta consistirá, tal e como avanzou, na conferencia “Falemos do suicidio”, a cargo de Daniel Núñez Arias, psiquiatra da Área Sanitaria de Ferrol e médico do programa de prevención do suicidio. As persoas que desexen acudir poderán facelo o vindeiro venres, ás 19:30 horas nas instalacións do Centro Cívico social do Alto do Castiñeiro.
A concelleira naronesa indicou que a través deste programa municipal “centrámonos en convocar actividades encamiñadas a previr o deterioro da saúde mental e o aumento da depresión e outras doenzas”. María Lorenzo recalcou que “está pensado para as persoas coidadoras aínda que é aberto á cidadanía en xeral” e destacou o feito de que “en cada unha das propostas participan profesionais destas áreas, para ofrecer aos asistentes información e ferramentas para afrontar ou previr este tipo de situacións”.
As persoas que desexen solicitar máis información poden facelo a través da páxina web do Concello www.naron.gal, do número de teléfono 644 747 889 ou do correo electrónico: info@paula-paz.com. A concelleira naronesa recordou que aínda que se trata dunha temática pensada para un colectivo específico, o das persoas coidadoras, pode acudir a estas actividades calquera persoa que o desexe.