A programación do Padroado da Cultura de Narón continuará desenvolvéndose esta fin de semana con varias propostas, pensadas para públicos de diferentes idades. Na xornada de mañá venres poderase asistir ao concerto de A Vella Dixieland, que celebrará o seu corenta e un aniversario sobre os escenarios.
Presentarán en Narón o seu último proxecto “1917”, a través do que volven ás súas orixes co jazz máis tradicional e temas das lendarias orquestras como Jelly Roll Morton, Kid Ory… recreando a súa sonoridade orixinal. O concerto comezará ás 20.30 horas e durará algo máis dunha hora.
A fin de semana tamén se poderán ver dous musicais da Compañía de Teatro Musical de España, o primeiro deles este sábado, ás 20.00 horas, “Chicago Life. El musical” e o segundo o domingo, ás 18.00 horas, “El musical de Coco. Recuérdame”.
“Chicago Life. El musical” é un show con trepidantes coreografías, grandes voces en directo e unha espectacular posta en escena, no que se poderán escoitar as cancións de películas como “La La Land”, “Cabaret”, “Burlesque” e “Chicago”. Durante dúas horas o público –diríxese a maiores de 18 anos- poderá desfrutar dun gran espectáculo cargado de maxia e músical.
Na xornada dominical, o público familiar e infantil –a partir de 2 anos- poderá ver “El musical de Coco. Recuérdame”, o primeiro baseado nunha das películas máis entrañables de todos os tempos. As míticas cancións da película, coreografías e voces de excepción de todos os seus intérpretes en directo forman parte do atractivo desta proposta cultural.
As entradas están á venda –ata completar o aforo- no despacho de billetes do Pazo e na web do Padroado da Cultura:
www.padroadodecultura.es.