A celebración da Semana do Patrimonio terá nos próximos días unha actividade propia en Narón organizada dende a Concellería de Participación Cidadá. A edil responsable da área, Olga Ameneiro, informou que o día 19 deste mes se levará a cabo unha ruta de sendeirismo pola zona do monte Neme, ubicado no límite dos concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños.
“As pegadas do volframio” é o lema desta proposta, unha excursión na que se unen o sendeirismo, a historia e o medio ambiente e que permitirá dar a coñecer o monte Neme e os seus arredores, aprendendo sobre o seu impacto e poñendo en valor o patrimonio da comarca de Bergantiños. Sobre os anos 40 do pasado século comezaron a saír da zona toneladas de volframio destinado á fabricación de armamento durante a Guerra Mundial en Europa, o que condicionou a historia desta zona.
A igrexa de Oza, os castros do Rodo, de Nión, as casas das minas, o circuíto lítrico da Eira das meigas.. forman parte desta ruta integrada na cadea costeira de Bergantiños.
As persoas que participen sairán ás 8.00 horas do Concello e regresarán sobre as 19:00 horas, tras realizar un percorrido duns oito quilómetros pola zona indicada, que guiará persoal da asociación ambiental Senda Nova. Para obter máis información poden dirixirse ao correo electrónico: escolaparticipacion@naron.gal ou chamar ao número de teléfono 603 865 413.