Ferreiro visita en Narón as instalacións do comedor escolar do CEIP Piñeiros

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, desprazáronse a Piñeiros con motivo da recente apertura, este curso, do comedor escolar do colexio de Piñeiros.

Na súa visita estiveron coa directoral do centro, Belén Franco, e conversaron tamén co persoal que atendía o servizo, e os menores que fan uso do mesmo. Ferreiro recordou que o Concello de Narón colaborou co colexio para que o servizo, unha demanda da comunidade educativa, fose unha realidade.

Deste xeito, dende o Consistorio acometéronse antes do inicio do curso as instalacións necesarias, fontanería, electricidade… na construción na que se ubica, que conta tamén con aseos e un espazo para a cociña, a escasos metros do centro de ensino e anexa ao pavillón polideportivo do mesmo.

No actual curso o comedor conta xa cun total de 60 solicitudes de menores para utilizalo, se ben a maioría deles non acuden a diario. As nenas e nenos, tal e como puideron comprobar onte a alcaldesa e a edil de Ensino, seguen unha serie de pautas responsables á hora de utilizar o servizo, como non facer ruído, estar ben sentados á mesa, levantar a man no caso de que precisen algo ou saír en orde unha vez que rematen de comer.

Os menores teñen tamén a posibilidade de participar en xogos e actividades ao rematar o tempo destinado á comida, que onte consistiu en crema de calabacín e pasta con carne, ademais de sobremesa. “A entrada en funcionamento deste servizo é un avance máis en canto á oferta que se realiza dende este centro de ensino da cidade, dende onde nos manifestaron estar moi satisfeitos coa boa acollida que está tendo”, asegurou Ferreiro.

A alcaldesa destacou o feito de que “as familias dispoñen ahora dun novo servizo que lles facilitará o seu día a día”. Así mesmo, dende o Concello mantense un convenio de colaboración con este e outros centros escolares que ofrecen ao alumnado servizo de madrugadores, co fin de que poidan almorzar alí e favorecer deste xeito a conciliación da vida familiar e laboral.

O Concello financia nun 70% o custe deses almorzos, tal e como se recordou.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …