Blanco destaca en Miño o compromiso do Goberno central cos pequenos concellos ó prorrogar o pagamento das súas débedas

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo o Concello de Miño como exemplo do compromiso que o Goberno de Pedro Sánchez está a amosar co municipalismo, que se materializa en investimentos que chegan a todos e cada un dos concellos galegos e tamén en medidas como a que vén de adoptar o Ministerio de Facenda e Función Pública para rebaixar a carga da débeda que arrastra o Concello de Miño polas expropiacións da urbanización da extinta Fadesa na localidade.

Segundo explicou o delegado tras unha reunión co alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, á que tamén asistiu a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o Goberno vén de ampliar o prazo de pagamento da débeda do Concello ata 2050 (o anterior expiraba no 2043), o que na práctica vai permitir reducir á metade o importe das anualidades e dotar de maior liquidez ao Concello para gastos e investimentos que beneficien á cidadanía.

“Estamos a falar de dar liquidez aos concellos mentres outros conxélanlles os fondos que precisan para prestar servizos públicos que en moitos dos casos nin tan sequera lles corresponden”, defendeu o delegado, que aproveitou para lembrar que “este Goberno está do lado dos veciños e dos Gobernos locais, con cartos como os do Plan de Recuperación que chegan a todos e cada un dos concellos galegos”.

“Nesa liña, na de mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da poboación, é na que imos seguir traballando”, concluíu.

Esta prórroga súmase á do ano 2020, na que o Goberno autorizara a ampliación do pagamento desa débeda en 10 anos. Ao ano seguinte, o Goberno volveu a ampliar este prazo. Naquel momento, permitiu ao Concello que se acollera a unha ampliación de cinco anos no período de pagamento da súa débeda e ademais, ao fusionar os dous  créditos que tiña vixentes, o Ministerio de Facenda concedeulle outros dous anos de carencia, o que supoñía de facto ampliar ata sete anos o prazo de devolución (ata o ano 2043).

Con estas medidas, o Concello pasou de pagar anualmente 1,7 millóns para amortizar os créditos a pagar 900.000 euros, o que representou un aforro de 800.000 euros anuais e un desafogo considerable financeiro para o Concello. Agora, as novas condicións van permitir, dunha banda atrasar de xuño a decembro o pagamento correspondente a 2023 e os sucesivos e, por outra, reducir á metade, por baixo dos 500.000 euros, as anualidades.

Lea también

Se ultiman los detalles del concurso de pinchos Ortigueira a Bocados

El Concello de Ortigueira pone en marcha una nueva edición del concurso de pinchos Ortigueira …