A lenda da Francesiña e a visita aos defuntos co colar de zonchos

José Fonte Sardiña

Conta Vicente Risco que “nas casas, na noite de Defuntos, soen pór unha fonte con aceite e tantas lamparillas como defuntos queiran honrar. Tamén hai sitios onde lles poñen a mesa con todo o servicio e unha peza de pan, para que veñan cear, inda que sexan invisibles, cos seus familiares. Nas cidades e nas aldeas, a tarde anterior e o día todo, están dobrando a morto as campás, para que a xente se lembre dos mortos e rece por eles, e en todos lados se visitan os camposantos e acéndenlles luces. Tamén, nalgures, como en Viveiro, é costume facer neste día colares de castañas cocidas con pelica ―zonchos― que os rapaces xantan” (Vicente Risco: “Etnografía”, en Obras Completas, t. III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 658 e 659) (Tradición dos colares de zonchos que, coma en Viveiro, existía tamén en Pontedeume).

No meu recordo viven aquelas visitas da familia por Defuntos ao camposanto eumés de Porto ―sendo un neno e lucindo orgulloso o colar de zonchos que fixeramos pola mañá― para honrar os seres queridos que xa non estaban con nós e rezar por eles. Despois, non podiamos deixar de comprobar que aínda seguía alí, a carón da capela, o busto de mármore daquela muller, a Francesiña, que seica morrera afogada no Murallón de Pontedeume intentando recuperar o pendente que lle caera ao mar, cuxa historia non nos cansabamos de escoitar cada ano (Foto de Aurora Lapique da capela do cemiterio de Pontedeume).

Capela do cemiterio de Pontedeume

Segundo antigas lendas, moitas cidades asolagadas quedaron sepultadas baixo as areas e as persoas que se aventuran nas súas augas corren o risco de seren tragadas e iren aumentar o censo dos seus habitantes. Contan en Pontedeume que algo semellante foi o que aconteceu coa Francesiña. Sobre a mítica e lendaria cidade asolagada construírase, no abrente do século XX, nun estilo que lembraba a Torre Eiffel de París, a ponte de ferro eumesa, que recibiu o primeiro tren oficial en 1913 (Construción da ponte de ferro).

Construción da ponte de ferro

Unha francesiña, como a torre, que viñera á vila por primeira vez con menos dun ano, cando se estaba a construír a ponte, regresaba todos os meses de agosto, como o fan moitos veraneantes, e cada tarde, xa feita unha muller, adoitaba tirarse do Murallón e nadar ata a Pena do Soldado, chamada así porque unha historia quizais menos lendaria cá da Francesiña di que alí afogou un militar (Foto de Lola Fornos Ríos da ponte de ferro e a Pena do Soldado).

Ponte de Ferro e Pena do Soldado

Conta Ramiro Fonte que “era unha magnífica nadadora. Podía botar tempo e tempo sen saír da auga, practicando diversos estilos, todos eles moi modernos […]. En fin, que os mariñeiros que remendaban as redes no murallón debían ficar abraiados ó xulgaren cómo xogaba coas ondas semellante serea. Nunca tal viran” (Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, Vigo, 2003, p. 299) (O Murallón antes do “Tambricidio”).

O Murallón antes do Tambricidio

Un día, cando cruzaba nadando por debaixo da ponte de ferro, perdeu o que ela xulgaba o seu máis prezado tesouro, un pendente de ouro que o seu mozo eumés lle regalara.
Aínda non chegara a súa xoia ao fondo do mar e xa pensaba ela no xeito de a recuperar (Foto de Aurora Lapique da ponte de ferro desde Cabanas).

Ponte de Ferro desde Cabanas

Subiu á primeira cepa da ponte, colleu folgos un instante e mergullouse nas profundidades. Pero todo foi inútil. A mítica cidade somerxida baixo as areas xa collera un novo tesouro e abofé que non o había soltar. A Francesiña loitou tamén por non ser atrapada, pero, aínda que foi quen de escapar, cando aboiou, xa estaba morta. Un mariñeiro da ribeira saltou axiña a bordo dun caiuco e foi onda ela pero só conseguiu recoller o seu corpo exánime (Foto de Aurora Lapique da cepa da ponte de ferro).

A cepa da Ponte de Ferro

A Francesiña foi enterrada en Pontedeume e na súa sepultura esculpiron en mármore o seu rostro, no que faltaba o pendente. Como di Ramiro Fonte, “os meus ollos repasan o busto de mármore que mellora a brancura da neve: os cabelos recollidos, os labios selados, a cadea arredor do pescozo… E o lóbulo da orella no que falta un pendente. Un mínimo detalle do conxunto escultórico, insignificante en aparencia […]. Sucedeu antigamente, pouco despois de que a gripe española percorrera, coma un fantasma… así podería comezar a novela” (Idem, p. 300) (Busto da Francesiña no cemiterio eumés).

Porén, semella que a historia que deu orixe á lenda tivo como protagonista a unha rapaza cántabra que morrera afogada mentres nadaba coas súas irmás na praia da Magdalena de Cabanas, preto da ponte de ferro, o once de agosto de 1923, e o busto de mármore do cemiterio eumés de Porto non ten nada que ver con ela (Foto de Miguel González-Llanos da praia da Madalena de Cabanas).

Praia da Magdalena de Cabanas

Así e todo, eu, coma o meu admirado Ramiro Fonte, “nin que dicir ten. Se me vexo obrigado a escoller entre os feitos, tal como sucederon, ou a lenda, tal como a min ma contaron, é doado adiviñar que seguirei escollendo a lenda” (Idem, p. 301).

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …