O pavillón polideportivo Campo da Serra acolleu o exame convocado polo Concello de Narón para cubrir un total de catro prazas de bombeiro-condutor, do grupo C1, correspondentes á Oferta Pública de Emprego deste ano e mediante o sistema de oposición en quenda libre. O concelleiro de Persoal, Pablo Mauriz, indicou que se presentaron á convocatoria un total de 79 aspirantes.
A fase de oposición iniciada esta semana consta dun primeiro exercicio sobre coñecementos teóricos, un segundo de probas físicas, outro de destreza no manexo de ferramentas e útiles, un cuarto de proba de condución dun vehículo do servizo, unha proba psicotécnica e outra de lingua e coñecemento da lingua galega, tal e como se recolle nas bases da convocatoria.
As persoas que superen o proceso selectivo serán nomeadas funcionarias en prácticas, debendo superar posteriormente un curso de formación dun máximo de tres meses de duración para poder ser nomeadas funcionarios de carreira.
Finalizado o proceso para a cobertura das catro prazas ofertadas como funcionario de carreira, os aspirantes que superen o proceso selectivo pero non teñan praza poderán ser propostos polo tribunal para realizar o curso de formación teórico-práctico para poder ser nomeados funcionarios de carreira. Así mesmo, formarase unha lista de agarda aos efectos de chamamento en postos interinos cos opositores que superen integramente o proceso selectivo e os que sen superalo totalmente aprobasen o primeiro exame da oposición e as dúas primeiras probas do segundo.
Mauriz recordou que actualmente o plantel do Corpo de bombeiros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (SPEIS) está integrado por un seis xefes, catorce bombeiros, dous oficiais e un inspector. A nova convocatoria “permitirá reforzar o servizo de bombeiros, tal e como nos comprometemos dende o goberno local”.
O edil naronés destacou que “a este incremento no plantel súmanse as melloras que o vindeiro ano se acometerán para ampliar as instalacións do SPEIS no polígono de Río do Pozo, ás que o Concello destinará unha partida duns 650.000 euros”.