O Padroado da Cultura de Narón e a AVV “Os Irmandiños” celebrarán o Magosto este sábado 4 no Val

O Padroado da Cultura e a AVV Os Irmandiños, do Val, celebrarán a programación do Magosto na citada parroquia este sábado, día 4. O pavillón polideportivo do Val acollerá dende as 18:00 horas as propostas deseñadas para a ocasión, que se iniciarán cuns obradoiros de xogos tradicionais e populares dirixidos a persoas de diferentes idades.

A celebración continuará ás 20:00 horas, coa actuación dos grupos de baile tradicional do Padroado da Cultura e ás 20:30 horas dará comezo a tradicional degustación de castañas e liscos con pan de millo. As veciñas e veciños encargaranse de asar 200 quilos de castañas e cociñar 100 quilos de liscos que se servirán acompañados de pan de millo -70 quilos-. A maiores, como novidade este ano, cociñaranse tamén uns 200 arenques que se servirán tamén de balde ás persoas que se acheguen ao Magosto do Val. Finalmente, ás 21:00 horas, actuará a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura.

Dende a entidade veciñal indicaron que durante toda a tarde se habilitará un espazo no interior do pavillón polideportivo no que as persoas que o desexen poderán doar alimentos que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. En canto ás preferencias, solicítase que a ser posible se doen: tomate fritido, fiambres envasados ao vacío, potitos para bebés, salchichas, conservas de fabada ou albóndigas, cereais para os almorzos, chocolate, produtos de hixiene feminina e champú, se ben se pode doar o que cada persoa estime oportuno. Dende o Concello de Narón e a AVV Os Irmandiños agradecen de antemán as posibles doazóns.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …