Preto de 6.500 escolares asistirán ás representacións da “39ª Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil”

O Pazo da Cultura acolle dende o pasado luns a trixésimo novena edición da “Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” organizada polo Padroado da Cultura de Narón en colaboración coa Deputación da Coruña. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, explicou que asistirán ás representacións programadas un total de 6.481 alumnas e alumnos de terceiro e cuarto da ESO, Bacharelato e Ciclos de centros de ensino de Narón e comarca.

Participan nesta edición da MOTIX os IES das Telleiras e Terra de Trasancos de Narón, o CPI do Feal, os CPR Santiago Apóstol, Jorge Juan e Ayala e a asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. A maiores, da comarca tamén asistirá alumnado do centro Rodolfo Ucha e do IES Catabois, de Ferrol, do colexio da Xunqueira, de Fene e do centro As Mirandas, de Ares.

Un total de catro compañías representarán outras tantas obras nas vinte funcións programadas no Pazo da Cultura para esta edición, que rematarán o vindeiro 22 de novembro. Esta semana, o luns e onte, a compañía Talía Teatro representou a peza “A parábola do angazo” e a programación continuará xa no mes de novembro, os días 7, 8 e 9, coa compañía Mar-Mar-Teatro e a obra “Un pez en el corazón”. A estas representacións seguiranlle as dos espectáculos “Hugo”, da compañía Os náufragos teatro, os días 14 e 15 de e “Ándale!!! Buen apetito!!!” de Ghazafelhos, os días 20, 21 e 22 de novembro. Así mesmo, os días 7, 8 e 9 de novembro o Auditorio municipal acollerá o espectáculo “Un pez en el corazón”, a cargo da compañía vasca Mar-Mar e que se dirixe a público infantil.

“A maiores do labor que se desenvolve con esta mostra no que se refire á difusión e o acceso á cultura, en concreto ao teatro neste caso, tamén hai que destacar o respaldo que con este evento se ofrece a compañías teatraisgalegas, de onde proceden tres das catro participantes”, apuntou Ferreiro. A alcaldesa recalcou o papel da cidade “no ámbito da cultura, no que nos mantemos como un referente non só a nivel comarcal, onde continuaremos apostando firmemente pola formación e a difusión en diferentes áreas tal e como vimos facendo dende hai moitos anos”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …