Inscrición aberta en Narón nun obradoiro de acollemento lingüístico impulsado dende o Consistorio

A concelleira de Política Lingüística de Narón, María Lorenzo, anunciou a apertura do prazo de inscrición nun obradoiro de acollemento lingüístico impulsado dende a citada área, a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón.

Trátase dunha proposta de balde, cunha duración de trinta horas e que require asistencia presencial. Comezará a impartirse o 1 de outubro, os mércores de 10:30 a 12:30 no local social da AVV Chafarís, no Alto do Castiñeiro. A edil naronesa informou que as inscricións deben tramitarse a través do correo: a.pita@naron.gal, facilitando o nome e apelidos da persoa que vai participar, o lugar de procedencia, un número de teléfono e un correo electrónico de contacto.

As clases, dirixidas a persoas maiores de idade que queiran achegarse por primeira vez á lingua e cultura galegas, impartiranse neste idioma. Están especialmente pensadas para persoas procedentes doutras comunidades lingüísticas, tal e como apuntou María Lorenzo, aínda que están abertas á participación de persoas que queiran iniciarse na aprendizaxe do galego.

Aprender a presentarse, a desenvolverse nunha cafetería ou restaurante, a mercar nunha tenda, tradición oral, música,… son algúns dos contidos que se traballarán neste obradoiro, que busca que o alumnado participante adquira unhas nocións básicas de lingua e cultura galegas para que poidan desenvolverse en galego en situacións cotiás, co obxectivo de favorecer a integración social. Ao remate, o alumnado recibirá un diploma de asistencia.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …