Terra Rendible convoca en Narón catro actividades enmarcadas no convenio co Consistorio

A concelleira de Promoción Económica de Narón, Olga Ameneiro, presentou acompañada de Francisco Javier Castro, presidente de Terra Rendible, Jesús López e Laura Millet, tesoureiro e técnico forestal da entidade, catro accións que se levarán a cabo a través do convenio co Concello de Narón.

As persoas que desexen acudir poden anortarse, de balde, a través do mail: info@terrarendible.gal ou do número de teléfono 622 655 769.

A primeira das propostas dará comezo este mércores 18,  para a que aínda quedan algunhas vacantes das quince prazas ofertadas, nas instalacións da Cooperativa do Val, onde se levará a cabo en tres xornadas, tamén este xoves e venres, un curso de cosméticos caseiros.

As persoas que acudan aprenderán a elaboración básica de produtos cosméticos naturais usados no aseo persoal (xabón e champú, cremas, desodorizante, bálsamo labial…) e, para iso, recoñecerán as principais herbas do contorno medicinais e aromáticas, e a extracción dos principios curativos e aromáticos.

As sesións levaranse a cabo de 16.30 a 20.30 horas. O vindeiro 21 de outubro organizouse unha visita ao muíño de aceite Pazo de Pergullal, en Salceda de Caselas, con saída da cidade ás 8.30 e regreso previsto sobre as 17.00 horas. Nesta xornada visitarase o xardín e o muíño de aceite das citadas instalacións e haberá tamén unha degustación de viños, aceites e unha xelatina elaborada a base de viño.

Tamén este mesmo mes, os días 27 e 28 e o 3 e 4 de novembro se desenvolverá outra acción formativa, nesa ocasión un curso sobre introducción á olivicultura.

As instalacións da cooperativa do Val acollerán a convocatoria, fixada para os venres de 17.30 a 21.00 e os sábados en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 13.30 e dende as 15.30 ata as 18.30 horas. O biólogo e presidente de Amiaquigal José Espinosa será o encargado de impartir esta acción formativa, que oferta 30 prazas.

Finalmente, os días 20, 22, 24, 27 e 29 de novembro levarase a cabo un curso básico de aplicador manipulador de fitosanitarios, tamén nas instalacións da cooperativa do Val. En horario de tarde, de 16.00 a 21.00, os participantes, un máximo de 25 persoas, acudirán ás clases de persoal técnico da entidade Axiña Sociedade Cooperativa Galega.

Ao remate haberá un exame no CEFA de Guísamo, nunha data a determinar dende a administración autonómica pero que se avanzou que será na semana do 11 ao 15 de decembro deste ano.

Dende o Concello e Terra Rendible agradeceron a colaboración da Cooperativa do Val no desenvolvemento das accións formativas e animaron á cidadanía a inscribirse nestes cursos e na viaxe programada ao Pazo de Pergullal.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …