O Concello de Narón instalou 16 cámaras de control e vixilancia do tráfico no polígono de Río do Pozo

A alcaldesa daNarón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, desprazáronse ás instalacións da Policía Local de Narón nas Lagoas xunto co xefe do citado Corpo, Eduardo Pita, para supervisar a entrada en funcionamento das dezaséis
cámaras de control e vixilancia do tráfico instaladas no polígono de Río do Pozo. A rexedora local explicou que se trata “de dispositivos fixos de captación e reproducción de imaxes para o control do tráfico, que se xestionan a través dunha central na que se almacenan os datos no soporte correspondente”.

As cámaras funcionan ininterrompidamente e facilitan imaxes e vídeos do tráfico rodado polo polígono, de xeito que se controlará na súa totalidade. Están instaladas, tal e como apuntou a rexedora local, na glorieta de intersección da avenida Gonzalo Navarro coa rúa Bernardo Romero; na glorieta de saída da rúa Bernardo Romero cara ao Val (AC-116); no remate da avenida Gonzalo Navarro en dirección a San Mateo (AC-116); na avenida Gonzalo Navarro, no cruce con Camiño do Carballo de Castro, en Castro, e nas entradas e saídas da autovía Ferrol-As Pontes (AG-64).

A súa entrada en funcionamento permite dispoñer dunha serie de estatísticas para coñecer a densidade do tráfico, co fin de que no caso de ser preciso se adopten as medidas oportunas de circulación viaria. “Este sistema permite realizar un control do tráfico en viais cunha elevada densidade do mesmo e con moito tránsito de vehículos pesados e tamén é de gran utilidade no caso de que por exemplo se rexistrase un accidente nesa zona que captan as cámaras, de cara a facilitar as labores de investigación”, apuntou a
alcaldesa.

“É un sistema de control en tempo real, co obxectivo de estudar os fluxos de tráfico pero en ningún momento cunha finalidade sancionadora”, recalcou Ferreiro. Así mesmo, destacou o feito de que “ao tratarse dun sistema que transmite de xeito instantáneo a información á sala de pantallas da Policía Local permite actuar con maior axilidade no caso de ser preciso por exemplo coordinar o tráfico ante un posible atasco ou o paso de vehículos de transportes especiais ou nas horas punta”.

 

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …