O Concello de Moeche pon en marcha as distintas escolas municipais, que regresan á actividade cunha chea de propostas deportivas e culturais para todas as idades.
O prazo de inscrición estará aberto desde este 3 de outubro a través da Sede Electrónica ou presencialmente na Casa do Concello en horario de 9:00 a 14:00h de luns a venres. As escolas irán comezando na semana do 9.
Nas escolas municipais deportivas poderemos practicar até o mes de maio exercicios de mantemento suaves ou aplicarnos máis a fondo con pilates, spinning ou circuítos de forza. Ademais, para a xente miúda e a mocidade regresan as actividades gratuítas dirixidas principalmente ao alumnado do CEIP San Ramón, como son a patinaxe, o tenis e o atletismo.
Para que as escolas vaian adiante farán falla grupos mínimos e os horarios poden variar dependendo da demanda. As prazas dispoñibles, que son limitadas, irán asignándose por orde de petición dándolle prioridade á veciñanza de Moeche e a aquelas persoas que asistisen ao curso completo na temporada 2022/2023.
As actividades extraescolares deportivas para a rapazada serán de balde, mentres que as das persoas adultas rexeranse polos prezos públicos marcados na ordenanza reguladora nº 16.
Escolas municipais culturais con novidades
Ademais de escolas deportivas, o Concello de Moeche tamén promove a escola de teatro dirixida por Pepablo Patiño, que incorpora como novidade a formación dun grupo infantil con idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos.
Outra novidade das escolas culturais é a iniciación ao baile tradicional, co obxectivo de aprender os puntos básicos de muiñeiras, jotas e outras coreografías habituais en foliadas. As sesións desenvolveranse o 2º e 4º sábado de cada mes ás 12:00h na Nave do Mercado.
Tanto para o teatro, de persoas adultas e de rapazada, como para o baile tamén farán falla grupos mínimos de unhas 8 ou 10 persoas de cara a soster as actividades durante todo o curso. Pode ampliarse información no correo pilar.pazo@moeche.gal.
As inscricións nas escolas culturais poderán facerse desde o 3 de outubro a través da Sede Electrónica ou presencialmente na Casa do Concello en horario de 9:00 a 14:00h de luns a venres. As peticións tamén se atenderán por orde de entrada das solicitudes