Xornada de volei e moita calor a vivida o pasado sábado no pavillón municipal de San Sadurniño, onde se celebrou o 20 torneo municipal coa participación do equipo anfitrión, o Aldebarán-Intasa, a Textil Santanderina,ambos de SM2, o Arenal Emevé de Lugo da Superliga, e o Leixões Sport Clube de Portugal, quen lle conferiu á xornada un carácter internacional.
O equipo luso, militante na primeira división do país veciño, venceu no cadrangular tras impoñerse pola mañá aos cántabros e pola tarde aos lugueses. Todos os partidos resolvéronse por 3-1.
O Aldebarán-Intasa inaugurou a competición ás 10:00h enfrontándose ao Emevé nun partido de claro dominio lugués nos dous primeiros sets. Foi no terceiro cando o equipo de Pablo Gómez Parga mostrou maior capacidade en ataque e recepción, o que lle valeu para conter o empuxe do único equipo galego que xogará esta temporada en Superliga masculina. Con todo, tras ceder o set, o Emevé sentenzou no cuarto co 1-3 definitivo e praza na final que se desputaría no serán.
O segundo partido, iniciado pouco despois das 12:00h, puxo cara a cara á Textil Santanderina e ao Leixões Sport Clube. O equipo portugués tampouco lle deu moitas opcións ao cántabro, que só puido acadar o set da honra tras un partido de grande intensidade que calcou o marcador do anterior: 1-3.
Así as cousas, a sesión da tarde comezou coa loita polo terceiro e cuarto posto entre o Aldebarán-Intasa e a Textil Santanderina. O partido foi unha primeira toma de contacto entre dous equipos que xogarán na Superliga 2 masculina esta temporada, compartindo ademais grupo zonal. O balance foi positivo para os da casa, xa que controlaron a practica totalidade dunha confrontación deportiva que finalizou co marcador, de novo, 3-1. Ligazón ao streaming do partido.
O feito de que se xogasen catro sets e a propia dinámica do xogo, que acusou a calor da tarde, fixeron que este encontro se prolongase algo máis de dúas horas e que, polo tanto, a final comezase máis tarde do previsto. Estaba posta para as 19:00h e empezou a iso das 20:00h. Por diante quedaban case dúas horas e dez minutos de partido entre dous equipos, o Leixões e o Emevé, que mostraron un nivel moi parello, habida conta de que ambos forman parte das primeiras ligas de Portugal e España.
Esa igualdade reflectiuse nos marcadores parciais con victorias pola mínima, no primeiro set para o Emevé e nos tres seguintes para a escuadra portuguesa, vencedora á postre do torneo…por 3-1. Ligazón ao streaming do partido.
Á marxe dos resultados, o torneo municipal foi unha primeira oportunidade de ver en acción a formación dirixida por Parga, home da casa que parte coa vantaxe de coñecer ben as capacidades dun equipo sostido en boa medida tamén en nomes que tamén son xa da casa. O Aldebarán-Intasa mostrou un xogo coordinado e boa disposición para se desenvolver na competición da SM2 que botará a andar o próximo 7 de outubro, aínda que o equipo azul non se estreará até o día 14 enfrontándose no municipal ao Club Vigo Voleibol