A Deputación da Coruña inaugura a 1ª mouteira que sinaliza o Camiño Celta en Irlanda

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado provincial Antonio Leira, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, continuaron coa súa axenda de reunións e actividades na  viaxe institucional da Deputación a Irlanda co obxectivo de difundir en ambos países o Camiño Celta, unha ruta xacobea que desde hai séculos conecta Galicia coa illa esmeralda.

A delegación coruñesa visitou a sede da embaixada de España en Irlanda, onde mantiveron unha reunión de traballo co embaixador, Ion de la Riva Guzmán, e o conselleiro de Turismo, Rubén González Pulido, coa intención de estudar accións para promocionar o Camiño Celta en ambos países.

Formoso interesouse pola poboación galega que vive en Irlanda, polas relacións comerciais en sectores estratéxicos como a pesca e por localidades coma Castletownbere, onde residen de forma permanente un elevado número de galegos e onde recalan os numerosos buques galegos que faenan nas augas do Gran Sol.

Galicia, máis preto de Irlanda 

O embaixador De la Riva e o presidente da Deputación acordaron tamén colaborar na posta en marcha de diferentes actividades orientadas a promocionar Galicia en Irlanda. Entre elas, a celebración, o próximo 25 de xullo, do Día de Galicia nos xardíns exteriores da embaixada con actividades culturais, gastronómicas e festivas que a Deputación promoverá para dar a coñecer Galicia como destino turístico entre a poboación irlandesa.

Para promocionar Galicia en Irlanda, a Deputación e a embaixada traerán á provincia da Coruña a personalidades irlandesas do mundo da cultura, a empresa, os medios de comunicación e o sector turístico co fin de que coñezan en primeira persoa a historia común que une a ambos territorios e percorran o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, as dúas rutas xacobeas que discorren integramente en territorio da provincia da Coruña e que experimentaron un importante crecemento en número de peregrinos nos últimos anos.

Formoso e De la Riva abordaron tamén a posibilidade de colaborar no futuro entre o condado de Sligo, onde diversas asociacións de memoria histórica manteñen viva a memoria do naufraxio da Armada Invencible en 1588 e o futuro Museo dos Naufraxios de Camariñas, que será financiado pola Deputación na localidade.

A primeira mouteira que guía aos peregrinos irlandeses a Santiago

Despois da reunión, Formoso e o embaixador asistiron no paseo marítimo de Bray ao acto de inauguración da primeira mouteira de pedra que indica o Camiño de Santiago en Irlanda. No acto participaron tamén a alcaldesa Melanie Corrigan e a xefa do executivo do condado de Wicklow, Aoife Flynn Kennedy, entre outras autoridades locais, que agredeceron a presenza da delegación española “nun acto moi simbólico e importante”.

No seu discurso inaugural, Formoso agradeceu a aposta das autoridades locais irlandesas e da Camino Society pola promoción do Camiño Celta e destacou o compromiso da Deputación da Coruña coa conservación e difusión “dun legado histórico e un patrimonio cultural único e fundamental para Galicia e para toda Europa, o Camiño de Santiago”.  O presidente subliñou os “vínculos históricos fortes e estreitos que unen aos pobos de Galicia e Irlanda desde as súas orixes”.

Neste sentido, aludiu ao Libro das Invasións (Lebor Gabála), unha das xoias da literatura medieval irlandesa que se conserva na biblioteca do Trinity College de Dubín e que contén a primeira referencia escrita a Breogán, o mítico líder celta que se cita no himno galego, e a como os seus descendentes foron os primeiros celtas que chegaron a Irlanda, tras divisar a illa desde o alto da Torre de Brigantia, a actual Torre de Hércules.

“Cultura, historia, patrimonio, turismo e economía, son os piares da nosa aposta para potenciar ese vínculo secular que une a Irlanda e Galicia. Poden contar coa colaboración da Deputación da Coruña para facer que as nosas terras irmás estean aínda máis preto”, afirmou o presidente.

Lea también

Palo Santo do Camiño, uno de los mejores quesos mundo por los “World Cheese Award

Palo Santo, con su queso curado “Palo Santo do Camiño” de 12 meses, ha sido …