A escola infantil de San Sadurniño e o centro de empresas melloran a eficiencia enerxética

Dentro dos seus compromisos cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o Concello de San Sadurniño está levando adiante varias actuacións referidas ao aforro enerxético, a unha xestión sostible da auga e tamén á redución das emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro.

Algunhas medidas levan anos en marcha, como por exemplo a progresiva modernización con tecnoloxía de led da rede de iluminación pública, as melloras que se están acometendo pouco a pouco no abastecemento de auga ou a renovación do illamento térmico das instalacións municipais.

Neste último apartado incluiuse a renovación da envolvente da Casa da Cultura, xa rematada, a próxima rehabilitación da galería da Casa do Concello e o arranxo exterior do seu edificio anexo, que irá acompañado dun novo sistema de calefacción alimentado por biomasa. Os dous proxectos referidos ao edificio multiusos que alberga a escola infantil e o centro municipal de empresas suman un orzamento cercano aos 180.000 euros. 

O prazo de recepción de ofertas para ambos contratos,un de obras e outro de subministración, concluiu hai escasos días.

O proxecto de maior contía, cifrado en 135.269,66 euros (IVE incluído), é o destinado á mellora da eficiencia enerxética de todo o inmoble situado ao lado do consistorio, coa que ademais tamén se pretenden corrixir os problemas de humidade detectados en certas zonas.

Segundo as características técnicas, a fachada, os laterais e a parte traseira levarán un illamento térmico exterior con paneis ríxidos de poliestireno que logo se recubrirán cun morteiro acrílico rematado en cor branca, a mesma que ten agora. Tamén  se instalarán celosías nos ventanais que regulen a radiación solar e construirase un zócalo de granito para que a parte inferior do edificio funcione como unha fachada ventilada.

A obra financiarase con parte da achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local e agárdase que nos próximos días a Mesa de Contratación formule proposta de adxudicación provisional do contrato, sobre un prazo máximo de execución de catro meses.

A maiores da renovación da envolvente, o inmoble levará unha caldeira de biomasa mediante pellets en substitución do sistema do actual de calefacción, alimentado con gas.  O cambio pretende aforrar custes en termos económicos e ambientais, xa que se prevé unha importante redución nas emisións de CO².

A instalación estará totalmente automatizada, alimentación, regulación da chama e limpeza e incluso incorporará un control intelixente desde móbil ou táblet para programala e monitorizar o seu funcionamento, de modo que o mantemento se reduza ao mínimo posible e, en todo caso, á carga da tolva de pellets, con capacidade para 4 toneladas, e ao baleirado do depósito de cinza.

A subministración e instalación deste novo sistema de calefacción para a EIM A Rolada e o Centro Municipal de Empresas está cuantificada en 44.542,22 euros, impostos incluídos. O prazo de presentación de ofertas para a licitación pública finalizou o pasado día 4 de setembro. O Executivo local confía en poder adxudicar o contrato en breve co obxectivo de que o equipamento entre en funcionamento xa para este inverno.

Lea también

Sequeiro toma el relevo como sede de la XXII Muestra de Asociaciones de Valdoviño

Está organizada por las entidades vecinales, culturales y deportivas, con la colaboración del Ayuntamiento y …