A Deputación da Coruña e Laboratorio de Radio promoven o proxecto ‘Radio en Igualdade’ que consiste na gravación dunha serie de podcast sobre diferentes temáticas e en diferentes contextos, co obxectivo de promover a igualdade, rachar estereotipos e cuestionar os roles de xénero. Todo iso empregando a radio como ferramenta pedagóxica, activa e inclusiva.
A iniciativa comeza en setembro no Centro Penitenciario de Teixeiro (Curtis), logo farase en ASPACE Coruña (Sada) e na Asociación Maristela (Sobrado dos Monxes), finalmente no mes de outubro chegará ao CEIP San Marcos (Abegondo).
O proxecto trata de crear un espazo de aprendizaxe, diálogo grupal, creatividade e escoita activa para promover a igualdade desde diferentes eidos do coñecemento. As personas participantes serán as creadoras dos contidos sonoros e os podcasts resultantes estarán dispoñibles nas plataformas de difusión da propia Deputación da Coruña.
Segundo explicou a Deputada de Igualdade, Soledad Agra, “algunha das temáticas que formarán parte de ‘Radio en Igualdade’ son temas que vimos traballando nos últimos meses en diversas actividades mais nos que fai falla seguir incidindo: a fenda de xénero nos ciclos formativos e nas carreiras técnicas, a muller no mundo rural, as enfermidades de transmisión sexual ou o ecofeminismo”
Laboratorio de Radio é unha iniciativa creada por Lucía Abarrategui e Sergio Pascual en 2013. Entre as súas actividades, Laboratorio de Radio achega a radio a calquera lugar, a calquera persoa, empregando o medio como ferramenta lúdica, inclusiva, pedagóxica e promotora de igualdade.
Un proxecto recoñecido co Premio Jóvenes Emprendedores Sociales 2017 outorgado pola Universidade Europea de Madrid e o Premio Internacional CEMEX-TEC 2018.