Apertura en Narón do prazo de inscrición na actividade “Entre nós”

 
O Concello de Narón abre este venres 15, ás 8.30 horas o prazo de matrícula na actividade municipal “Entre nós”, dirixida a un total de 36 mulleres empadroadas en Narón, maiores de 50 anos e en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.
 
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, indicou que o programa se desenvolverá en instalacións municipais entre os meses de outubro e decembro deste ano. As participantes nas sesións abordarán temas como as habilidades sociais e as relacións interpersoais, a soidade, a xestión emocional, a autoestima, o enfado como ferramenta para poñer límites, redes sociais de apoio, como divertirnos, entre outros temas que figuran no programa.
 
“A través desta actividade queremos dotar a un colectivo moi específico de mulleres dunha serie de ferramentas encamiñadas ao autocoidado emocional, para afrontar diferentes situacións no seu día a día, e ao mesmo tempo crear unha rede de apoio e un tempo que lles sirva de desconexión das súas rutinas diarias”, explicou a edil.
 
As participantes dividiranse en tres grupos, de doce mulleres cada un deles, que se reunirán os martes de 10.00 a 12.00, de 16.30 a 18.30 ou os mércores de 16.30 a 18.30 horas.
 
As solicitudes poden presentarse no Rexistro municipal ata o 29 de setembro ás 13.00 horas, e tamén a través da Sede Electrónica de Narón, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Narón.
 
Para obter máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamar aos números de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109)

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …