Máis de 1.100 persoas participarán nas “21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón”

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anunciou este xoves que algo máis de 1.100 deportistas participarán na segunda edición das “21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón”. A rexedora local presentou o evento acompañada polo edil de Deportes, Ibán Santalla, o presidente e a tesoureira do Club Deportivo 21 Leguas, Óscar SomorrostroCarolina Orjales, respectivamente, e o edil de Deportes Valdoviño, Sergio Saavedra.

O evento desenvolverase o vindeiro 30 de setembro, con saída e chegada no paseo marítimo de Xuvia, onde ás 8.00 horas sairán as persoas que participarán na modalidade ciclista (E-Bike e MTB) e unha hora máis tarde sairán os de marcha, nas diferentes categorías. Os 85 menores que participarán por primeiro ano nesta convocatoria realizarán tralas indicadas saídas, sobre as 10.00 horas, uns percorridos polo paseo de Xuvia, adaptados á súa idade. Entre os 1.100 participantes hai unha ampla representación de mulleres, un total de 140, “o que é unha cifra moi significativa para este tipo de probas”, tal e como indicaron dende o club deportivo 21 Leguas.

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, recordou que se trata dun evento organizado polo Concello naronés en colaboración co citado club, e que conta ademáis coa implicación doutras administracións e entidades. Así mesmo, indicou que o percorrido discurrirá polos concellos de Narón, Ferrol, Valdoviño e San Sadurniño, e ao igual que o pasado ano, permitirá acceder a parte das instalacións da Armada, de Navantia e da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

O presidente do Club Deportivo 21 Leguas, Óscar Somorrostro, asegurou que se trata dunha proba xa consolidada no calendario deportivo da cidade e recalcou a importante cifra de participación nesta segunda edición,superando o milleiro de persoas. O atractivo desta gran proba de ultrafondo traerá á cidade e á comarca en xeral a persoas procedentes de Galicia perotamén doutras comunidades autónomas, como Castela León, Andalucía, Asturias, Extremadura, Cataluña, Madrid…. estando representadas prácticamente todas as provincias estatais.

O concelleiro de Deportes de Valdoviño felicitou ao Concello de Narón e ao Club Deportivo 21 Leguas polo traballo realizado para organizar unha proba destas características na cidade. Finalmente, a alcaldesa, Marián Ferreiro,  agradeu o traballo do Club deportivo 21 Leguas e tamén o respaldo das administracións e patrocinadores, así como o de cada unha das persoas que se inscribiron no evento. Así mesmo, a rexedora local valorou de antemán o labor do persoal voluntario, corpos e forzas de seguridade, persoal sanitario… e de todas aquelas persoas que velarán polo correcto desenvolvemento desta proba, da que animou a desfrutar a participantes e público en xeral.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …