TEGA en Narón celebra a tradicional «Festa do Río» en Pedroso

A área recreativa de Pedroso acolle este domingo 10, a tradicional Festa do Río organizada por Terra Galega. A convocatoria, á que asistirán algo máis de medio milleiro de persoas, celebrarase baixo unha gran carpa instalada para a ocasión e na que terá lugar un xantar de confraternidade ao que acudirán militantes e simpatizantes de TEGA.

A xornada inclúe ademais música e xogos populares de carácter interxeracional, xincanas, tiro á corda, etc. e haberá tamén inchables para os nenos.

A programación deseñada para esta convocatoria dará comezo ás 13.00 horas, momento no que actuará un grupo musical para amenizar o evento. Sobre as 14.00 horas, momentos antes do xantar, representantes de Terra Galega dirixirán unhas palabras aos asistentes.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o coordinador local do partido, Ibán Santalla, e o secretario xeral da formación, Guillermo Sánchez Fojo, serán as persoas encargadas de dirixirse aos militantes e simpatizantes da formación.

Os representantes do partido abordarán algúns temas de actualidade nestes primeiros meses do actual mandato, no que TEGA lidera o goberno da cidade con dez dos vinte e un edís da corporación local naronesa. Así mesmo, avanzarán algunhas das liñas de actuación dos vindeiros meses, co fin de continuar deseñado o Narón do futuro.

Rematadas as intervencións, sobre as 14.00 horas, dará comezo o xantar de confraternidade, baixo a gran carpa que se instalará na área recreativa de Pedroso.

A Festa do Río é unha das celebracións máis consolidadas e respaldadas por veciñas e veciños da cidade, que cada ano no mes de setembro participan nesta convocatoria. Dende a formación agradecen de antemán “o feito de que un ano máis poidamos compartir coas nosas veciñas e veciños unha xornada de confraternidade e un tempo de lecer para desfrutar todas e todos xuntos dese día nun espazo único da nosa cidade”

Lea también

La Xunta inicia en Narón la conversión de un local vacío en 14 viviendas públicas

Esta actuación, con una inversión de 1,6 M€, permitirá transformar en hogares unos locales que …