Abre a inscrición do curso de xardinería e poda do Programa Municipal de Formación de Narón

O Concello de Narón convoca un novo curso do Plan Municipal de Formación. A concelleira responsable da área, Natalia Hermida, explicou que se trata dunha acción formativa de xardinería e poda para a que se abre este mércores día 30, o prazo de inscrición.

Os destinatarios deste curso son persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, ou noutros concellos, que poderán acceder no caso de quedar vacantes, e as solicitudes poden presentarse no Rexistro do Concello, de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O prazo para inscribirse, tal e como indicou a edil, rematará o  martes 5 de setembro ás 13.00 horas, cubríndose as prazas por rigorosa orde de inscrición.

A maiores de Prevención de riscos laborais aplicados á profesión na convocatoria tamén se abordarán contidos como: Principais tipos de especies vexetais empregadas en xardinería, Preparación do terreo, labores, manexo e operacións, Instalación e mantemento de xardíns, Tipos, técnicas e procedementos de poda, Equipos e maquinaria empregados nos traballos de poda e Execución de traballos en altura nas árbores. Haberá tamén un obradoiro de desenvolvemento de habilidades na procura de emprego, de quince horas de duración.

O curso, indicou a edil, consta dun total de quince prazas e 265 horas, e dúas de visitas profesionais, cunha parte teórica que se impartirá nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. As clases comezarán o 12 de setembro e rematarán o 1 de decembro. O horario previsto das mesmas é de luns a venres de 9.00 a 14.00.

As persoas interesadas en recibir máis información poden facelo a través da páxina web do Concello, www.naron.es da Sede Electrónica ou dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello, no primeiro andar ou a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …