O Concello de Narón abre este martes ás 8.30 horas o prazo de inscrición nun curso de Inglés preparatorio para o nivel B1.
Así o avanzou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, que indicou que a convocatoria, enmarcada no Programa Municipal de Formación, oferta un total de quince prazas que poderán solicitarse ata o vindeiro 4 de setembro ás 13.00 horas.
O curso diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, aínda que tamén poderán inscribirse persoas doutros concellos que accederán ao mesmo no caso de que non se cubran todas as vacantes con persoas de Narón.
Esta acción formativa, tal e como recordou Hermida, consta dun total de 215 horas que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, do 11 de setembro ao 14 de decembro deste ano, de luns a venres de 9.15 a 12.45 horas, agás o último día que finaliza ás 10.45 horas.
As prácticas en empresas serán durante 6,5 horas ao día no horario que se determine. Os contidos a abordar serán gramaticais, semánticos e tamén prácticos, cunha parte de repaso e simulación de exames e tamén con módulos transversais de inserción laboral, igualdade de xénero e sensibilización medioambiental.
As solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica do Concello ou polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro e o listado provisional das persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello. O alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza.
A listaxe definitiva publicarase tamén na Sede Electrónica. As persoas que desexen recibir máis información, poden obtela na sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais da páxina web do Concello, na Sede Electrónica de Narón ou contactar co Servizo Sociocomunitario, tfno. 981 337 700, extensións 1108 e 1109.