San Sadurniño, un “oasis” para as camper

A área de servizos para autocaravanas de San Sadurniño está resultando ser todo un éxito. Desde que entrou en funcionamento hai dous anos, o espazo situado na Cortiña incrementou considerablemente o número de furgonetas e autocaravanas que paran alí para baleirar e repoñer augas e, en moitos casos, para facer noite antes de proseguir viaxe. Así o testemuña o formulario de rexistro habilitado polo Concello mediante un código QR, onde se pode deixar constancia da estadía e suxerir melloras. As cerca dun cento de anotacións recollidas en liña reflicten un alto grao de satisfacción co servizo, que neste mes de agosto multiplica o número de usuarias e usuarios. O pasado xoves día 16 á tardiña eran sete os vehículos estacionados con visitantes procedentes de Málaga, Italia e Alemaña.

O grupo malagueño, composto por 10 persoas repartidas en tres autocaravanas, explicaba que apostaran por achegarse a Galicia “escapando da calor” e tamén para coñecer as provincias de Lugo e A Coruña. Chegaron o domingo día 13 a Santiago en avión -onde tiñan reservados os tres vehículos- e despois de visitar o casco histórico compostelán e a catedral emprenderon camiño á zona costeira de Lugo.

Nun percorrido “á aventura” e sen un traxecto predefinido achegáronse á praia das Catedrais, baixaron a Mondoñedo, logo viñeron ata Pantín e Valdoviño e, finalmente, pararon en San Sadurniño para facer noite. Gracias á información dispoñible nos códigos QR, decidiron desfacer parte do andado para coñeceren Santo André de Teixido e os cantís de Herbeira, dous dos puntos máis destacados do Xeoparque de Cabo Ortegal.

Atoparon a área de servizos para autocaravanas da Cortiña nunha das páxinas especializadas para amantes do campismo e do turismo en furgoneta, un xeito de viaxar que viviu a súa particular eclosión durante a pandemia e que, segundo comentan, “nos permite andar máis ao noso aire”, ademais de ofrecer a posibilidade  “de descubrir sitios novos fóra dos circuitos turísticos máis habituais e masificados”.

No tótem de códigos QR situado xusto no centro do punto de servizo de baleirado e carga de auga deixaron constancia do seu paso por San Sadurniño, describindo a zona da Cortiña como “un auténtico oasis”. Tamén deixaron suxestións, como por exemplo a de que se instale un colector para o vidro, que a área conte con algún punto para a carga de electricidade ou que se instalen aseos. “A área de servizos para autocaravanas concibiuse como un punto de baleirado e recarga de auga, con posibilidade de pernoctar ou facer pequenas paradas. Non está pensada como un cámping, nin é a súa finalidade”, puntualiza o concelleiro responsable de Turismo, Manolo Varela.

As peticións de mellora do grupo malagueño que estivo esta semana en San Sadurniño, “que faremos na medida do posible sen desvirtuar a función actual da área”, engádense ás rexistradas anteriormente por outras usuarias e usuarios, entre elas a de que se definan as prazas de estacionamento ou a de que se acondicione o campo para poder ser utilizado en días de chuvia.

Xunto con estas achegas tamén hai valoracións, todas positivas, entre as que destacan a boa situación da área, a súa limpeza, a proximidade de servizos -bares, restaurantes, farmacia, tendas, panadaría…- e a tranquilidade do lugar. “A área foi todo un acerto. Vemos que se usa durante todo o ano e agora no verán, moitísimo máis. No que levamos de agosto houbo algún día en que se xuntaron máis dunha ducia de autocaravanas procedentes de Suíza, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia… e sobre todo do resto do Estado”.

Malia que o Concello “non ten intención” de converter a área nun cámping, si está proxectado facela máis funcional e con maior capacidade, dentro do proxecto financiado polos Convenios da Transición Xusta co que se vai mellorar o equipamento de toda a Cortiña e do paseo fluvial. O investimento total ascenderá a 493.000 euros. Unha parte desta cantidade destinarase á construción dun aparcamento contiguo de algo máis de 1.000 m² e 10 prazas de capacidade, dúas delas de tamaño dobre.

Esta nova superficie -próxima aos 1.400 metros- tamén contará cunha zona de tránsito e manobra perfectamente acondicionada, cun punto para a limpeza e mantemento básico de bicicletas e cunha marxe arborada e con bancos. O espazo “camper” formará parte dunha actuación moito máis ambiciosa que prevé, entre outras novidades, unha caseta de apiterapia, equipamento para a conservación das froitas da horta “Carlos Fornos”, a renovación dos sendeiros ou a instalación dunha rede de iluminación pública en todo o paseo alimentada con paneis solares fotovoltaicos.

 

Lea también

Los trabajadores de Einsa Print en As Pontes convocan huelga indefinida tras el anuncio de ERE

El comité de empresa de Einsa Print en As Pontes (A Coruña), empresa dedicada a …