«Romería Swing» para toda a familia, este sábado en Narón

Escola Swing On

O Parque Freixeiro prepárase para acoller este sábado día 19 unha gran festa estilo anos vinte na que poderemos gozar coas músicas dixiland de Nova Orleáns, o jazz dos ciganos coñecido como gypsy ou grandes clásicos do swing. Para os que non poidan resistir a tentación de bailar, haberá aulas abertas de lindy hop, e para as crianzas un obradoiro no que aprenderán a construír instrumentos musicais con materiais de refugallo.

Stompy Seven Jass Band

A festa comezará a partir do mediodía cunha sesión vermú na que soarán os Stompy Seven Jass Band reinterpretando os clásicos do jazz de Nova Orleáns nos anos 20. A continuación, os DJs Swing On amenizarán a franxa do mediodía, acompañando os picnics e as ganas de quen non consiga deixar de bailar. A sesión de tarde comezará co concerto itinerante d’Os Bregadiers ao máis puro estilo fanfarria ou banda gypsy, o obradoiro de fabricación de instrumentos de percusión con material de refugallo para crianzas impartido pola Escola da Vaca, e as aulas abertas de baile lindy hop a cargo da escola Swing On.

No último tramo da romaría os concertos de St. James Swing Band con músicas dos anos 30, 40 e 50, e Por mí, Swing, que seguirán achegando propostas bailables de lindy hop, claquette, balboa, charleston ou collegiate shag. A gran festa do swing pecharase cunha nova sesión de DJs Swing On que de seguro vai estar acompañada de moito baile.

Por mí, Swing

Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o obradoiro da Escola da Vaca, que xa esgotou as prazas.

 

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …