A Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol imparte un curso de Socorrismo

A Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol manterá aberto a partir deste xoves 10, e durante oito días hábiles, o prazo para inscribirse nun curso de formación específica de de Socorrismo en instalacións e medios acuáticos naturais.

A convocatoria, tal e como se especifica, diríxese a persoas maiores de 18 anos empadroadas nos concellos que forman parte do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.

As bases desta convocatoria poden consultarse íntegramente no taboleiro de anuncios da web da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol: www.comarcaferrolterra.es.

O curso, que oferta 25 prazas, consta dun total de 240 horas, 120 de formación presencial teórico práctica e outras tantas a convalidar cunha proba específica de natación. A inscrición é de balde, se ben haberá que facer un depósito de 50 euros no caso de resultar seleccionado que se devolverán ao realizar completamente o curso e cumprir os requisitos para a obtención do título.

A acción formativa desenvolverase entre setembro e decembro deste ano nas instalacións do Concello de Ferrol en xornadas de fin de semana e as aulas prácticas en espazos acuáticos naturais en espazos por determinar. As instancias de solicitude de participación poden presentarse acompañadas da documentación requerida, que se pode consultar ao completo na web da Mancomunidade, no Rexistro auxiliar da Mancomunidade (oficinas administrativas do Mercado Municipal da Magdalena, rúa Igrexa, s/n, 15.402, Ferrol), ou en calquera dos medios contemplados no artigo 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Mancomunidade convoca o curso en colaboración coa Deputación da Coruña, co fin de garantir a seguridade nas praias e piscinas, mellorando a calidade turística do territorio e ofrecendo unha oportunidade profesional para as persoas interesadas nesa ocupación.

“A finalidade deste curso é dotar de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais en Galicia, onde o obxectivo fundamental é velar pola seguridade dos usuarios de instalacións e espazos acuáticos naturais, previndo situacións potencialmente perigosas e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia neste tipo de medios acuáticos”, tal e como se especifica nas bases.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …