Camiño de vivos e mortos en Penelas e Tras do Eixo, no Concello de Teo

José Fonte Sardiña

Os galegos, pola nosa idiosincrasia, chamámoslle á morte pasamento. No seu lúcido, brillante, acaído e inmortal ―nunca mellor dito― ensaio “Morte e resurrección”, realizado en 1932, Otero Pedrayo afirma que “as razas celtas aman a morte como outra vida, quizais como a exaltación suprema da vida. Non son capaces de estableceren marcos entre a vida e a morte. Os defuntos séntanse no fogar, acoden ás chamadas, aconsellan, mandan, interveñen. O cemiterio ou a lembranza dos mortos non é, nelas, obxecto ou tema de repulsión. A vida, sen quebrar o seu fío esencial, mergúllase no mar da morte e nel, como corrente espiritual, conserva a súa individualidade, porque desde os comezos do vivir que chamamos mortal, as ondas do mar da morte baten nos máis fortes e confiados promontorios, e nas praias máis dondas e agarimosas da vida. Fan a súa cultura baixo o signo da lembranza e traballan a terra para a inmortalidade” (Ramón Otero Pedrayo: ‘Morte e resurrección’, en Carlos Casares (dir.): “Ramón Otero Pedrayo. Día das Letras Galegas 1988”, A Coruña, 1988, p. 89).

cemiterio municipal

Nunha destas tardes calorosas do mes de xullo, en Teo, subo desde Covas de Abaixo ata Covas de Arriba, deixo a man dereita, ben pretiño, Montouto, coa lembranza dos heroes caídos como consecuencia da batalla de Cacheiras, en abril de 1846, xermolo dun sentimento galeguista que nos identifica como pobo, e chego ao Cemiterio Municipal de Penelas. Que axeitados veñen na miña visita aos defuntos os versos que logo lerei de Valentín Lamas Carvajal!: “Alí, no seu camposanto, / onde debaixo das herbas / dormen o sono da morte / as miñas amadas prendas. / Cantas veces eu rezaba / pensando choroso nelas!”.

Monólito no cumio de Montouto

Desde o alto do cemiterio municipal vexo o Pico Sacro, e despois dunha breve visita aos defuntos, descendo ata a Fonte das Seixas, onde bebo da súa fresquísima auga e sacio a miña sede vespertina e estival. “Auga de mirtos, verde auga, dura / fonte que me acompañas. Si tu non foras… / Que medo dan as frores da noite!”, direi logo, ao ler, un chisco máis abaixo, á man dereita, nunha fermosa carballeira, os versos de Luís Pimentel.

fonte das seixas

Ao pé do camiño, descendo polos chanzos de pedra dunha rústica escaleira cunha sinxela varanda e outra fonte á súa dereita, que me levan á devandita carballeira que acolle unha entrañable exposición, de outubro do ano 2020, titulada “Camiño de vivos, camiño de mortos” e realizada pola Asociación Veciñal Tinxidoiro, que pretende, desde o respecto e orgullo que merecen, renderlles homenaxe aos seus devanceiros, que axudaron a construír, defender e enriquecer as aldeas de Penelas e Tras do Eixo, para que non morran no esquecemento.

Fonte da carballeira.

Á sombra de frondosos e vellos carballos aparecen colgados dun cordel, prendido nestas árbores tan nosas, poemas de Avoa Pepa de Paulos, Arancha Nogueira, Alba Cid, Celso Emilio Ferreiro, Claudia Castro, Eduardo Pondal, Federico García Lorca, Luís Pimentel, Valentín Lamas Carvajal, Rosa Enríquez ou Rochi Nóvoa, acompañados de fotografías de persoas que percorreron ese camiño e viviron nas aldeas de Penelas e Tras do Eixo, na parroquia de Cacheiras, unha das trece que compoñen o Concello de Teo no que vivo desde hai máis de trinta anos. Como di Avoa Pepa de Paulas, de Penelas, “subín morto / polo camiño de vivos. / Voltei vivo / polo camiño de mortos. / Todo eran fitas de cores, / de Santos a Defuntos”.

Poema e fotos.

Un regato cantareiro corre a carón do camiño entre carballos e nun relanzo do regueiro remata a exposición, aínda que non o sendeiro. A música da auga é unha compañeira ideal para a lectura dos poemas que alí atopamos, como este de Federico García Lorca:Vinde mozos loiros do monte e do prado / pra ver o adolescente afogado! / Vinde xente escura do cume e do val / antes que ese río o leve pro val!”, recollido nos “Seis poemas galegos”.

Relanzo

A estreita verea, que me fai cambiar de orela dúas veces a través de senllas pontellas de madeira, consonte indica unha frecha vermella pintada no tronco dunha árbore, discorre sempre á beira do regato e a auga do río e a sombra dos carballos alivian a calor do camiñante.

Regato carballeira

Un banco ao final do camiño convídame a facer un descanso e contemplar de novo as vistas do Pico Sacro, que me recordan a lendas xacobeas narradas no Libro III do Códice Calixtino.

Chegados alí Teodoro e Atanasio, os discípulos do apóstolo Santiago, por mandato da raíña Lupa, “ao pisar os lindeiros do monte, de súpeto, un enorme dragón […], saíndo da súa cova, lánzase, botando chamas, contra os santos varóns de Deus, e eles […], opoñendo sen medo a defensa da cruz, obrígano a retroceder e, ao non poder resistir o signo da cruz do Señor, rebenta por metade do ventre […]. Finalmente, para botar daquel lugar a concorrencia de demos, esconxuran a auga e esparéxena por todo o monte […], chamado antes Illicino […], o que seduce, porque con anterioridade a aquel tempo tributaban alí culto ao demo moitos homes perversamente seducidos. Foi chamado por eles Pico Sacro” (Xosé López Díaz (trad.): “Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Vigo, 2009, Libro III, capítulo I, p. 382).

Vista do Pico Sacro

“E ao ollar desde alí corricar os bois que enganosamente [a raíña Lupa] lles prometera, venos bravos e bruando, escornando o chan coa parte máis alta da súa testa e golpeando fortemente a terra cos pezuños. De súpeto […], submisos, baixaron espontaneamente a súa cornamenta perante as mans dos santos varóns. Os portadores do corpo santo, acariñando os animais mudados de salvaxes en dóciles, sen tardanza póñenlles encima os xugos e, marchando por un camiño recto, entran nos palacios da muller cos bois xunguidos. A raíña Lupa, estupefacta, recoñecendo os admirables milagres […], faise crente do nome de Cristo” (Idem, p. 382 e 383) (Translatio do apóstolo Santiago, de Giovenale Johanalis de Orvieto, en 1441, na Pinacoteca e Museo Cívico de Camerino, Italia).

Translatio

No lugar onde os amansados bois salvaxes se detiveron, coñecido como o bosque Libredón, berce do que logo foi a cidade de Santiago de Compostela, “construíron un sepulcro de cantería no que, con primoroso enxeño, se garda o corpo do Apóstolo” (Idem, capítulo II, p. 385).

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …

2 comentarios

  1. Maravilloso relato ‼️