Quince locais de Narón participan dende este venres na experiencia gourmet «Ruta Degustación Pemento Do Couto»

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Narón, Olga Ameneiro, anunciou o inicio, este venres, da Ruta degustación do pemento do Couto, unha iniciativa municipal dirixida ao sector hostaleiro da cidade e na que participarán, ata o 17 de xullo, un total de quince establecementos locais. “Coincidindo coa campaña do pemento do Couto retomamos un ano máis esta proposta, que permitirá degustar nos establecementos participantes, tapas elaboradas con pementos do Couto coas consumicións realizadas”, explicou a edil.

Ameneiro avanzou que as persoas que desexen probar as diferentes elaboracións desta experiencia gourmet poden facelo nos locais: Nueva Orleáns, El Colonial 1920, Australian, Mamá Flora, Tyché, Casa Sindo, La Continental, O Lugar, La Siete Catorce, Silver, La Perfet@, O Rincón do Trini, no ambigú da Asociación de Veciños Altea, A Roldana e El Olivo Cocina & Bar.

Nestes días teremos a oportunidade de acudir a estes locais para degustar diferentes elaboracións cun dos produtos por excelencia de Narón, o pemento do Couto, cun sabor inconfundible e que está en pleno auxe de produción e comercialización”, recalcou Ameneiro.

A concelleira de Promoción Económica, agradeceu de antemán a colaboración de todas as persoas que se adheriron a esta campama e tamén o traballo de todos os produtores e comercializadores que fan posible que poidamos degustar esta hortaliza, cun sabor inconfundible e moi apreciado dentro e fóra da cidade. Coas súas consumicións no citado establecemento a clientela recibirá un vale para o sorteo dunha cea para dúas persoas –sortearase unha en cada local- valorada nun máximo de 100 euros e á que optarán ao cubrir os seus datos persoais e depositar as papeletas nas urnas que se ubicarán en cada local.

A edil recordou tamén que este sábado se celebrará ás 19.00 horas no local social do Couto un showcooking a cargo do prestixioso cociñeiro Xoanqui Ameixeiras, aberto á asistencia da cidadanía en xeral (ata completar o aforo) e o domingo, a partir das 13.00 horas, a XXIII Festa gastronómica do pemento do Couto, na citada parroquia naronesa.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …