O concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Narón, José Oreona, anunciou que os axentes da Policía Local desenvolverán a vindeira semana, do 10 ao 16 de xullo, unha campaña específica de control de estacionamentos indebidos.
“A través desta campaña intensificarase a vixilancia co fin de concienciar aos condutores e condutoras sobre a necesidade de ser respectuosos cos peatóns e as normas de tráfico, incidindo en na prohibición de aparcar os vehículos sobre as beirarrúas, co perigo que ocasiona ao obstaculizar o paso peonil e obrigar aos viandantes a realizar un uso inaxeitado da calzada”, explicou Oreona.
O edil naronés recalcou que “este tipo de condutas representan un importante perigo para todas as persoas en xeral e, en particular, para os menores e persoas con problemas de mobilidade e a maiores ocasionan importantes danos en espazos públicos”.
Oreona asegurou que co obxectivo de erradicar este tipo de condutas se impulsará esta campaña, “con fins disuasorios e para tratar de favorecer unha convivencia harmoniosa entre a circulación rodada e a peonil”. Deste xeito, trátase de preservar as zonas reservadas para os vehículos ou as persoas, segundo o caso, prestando especial atención ás zonas de peatóns, paradas de autobuses, espazos habilitados para paradas de carga e descarga e prazas de aparcamento para persoas con problemas de mobilidade, entre outros.
“Prestarase especial atención a situacións que afecten á seguridade dos peatóns na vía pública e ao correcto funcionamento de determinados servizos”, recalcou. Oreona incidiu tamén en que “non hai excusa para deixar o coche enriba dunha beirarrúa, impedindo o paso de peatóns, polo que é moi importante concienciar á poboación dos problemas que poden derivar desas malas prácticas, afectando no peor dos casos á integridade das persoas”.
O concelleiro de Seguridade Cidadá avanzou tamén que ao longo do ano se continuarán impulsando este tipo de campañas policiais de iniciativa local e tamén se seguirá colaborando coas que estableza a Dirección Xeral de Tráfico